Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova solicitude co obxectivo de reclamar da Alcaldesa a inmediata reactivación da Comisión Municipal de seguimento da Covid.
Unha segunda instancia (a primeira foi remitida en novembro), a través da que se reivindica a “urxente convocatoria” dunha comisión constituída por decreto da Alcaldía en Marzo de 2020 e da que nada se sabe, logo da inaugural do mes de Abril.
En palabras do noso voceiro municipal, Modesto Renda, “ao respecto da Covid, Vilalba Aberta foi sempre responsable e leal; pero non pode ser que, coa que está caendo, a comisión non se convoque dende Abril”.
Para o edil, cómpre unha análise e posta en común semanal da situación sanitaria do municipio, que permita anticipar, dun xeito máis áxil á par que eficiente, a toma de decisións e a comunicación coa Xunta. “Para iso se constituíu e non podemos comprender o deixamento do Goberno, en relación a este tipo de órganos de seguimento e control”, explicou.
Unha metodoloxía colexiada e plural, lembrou, “xa delimitada a imaxe e semellanza do que xa está a funcionar noutros Concellos, onde a opinión dos técnicos e forzas de seguridade municipais conta de verdade, e na que a presenza e opinión dos grupos municipais da oposición esta asegurada.”
Renda remarcaba así, o noso posicionamento en relación coa actual situación de alerta, ao tempo que lamentou que, dende que Vilalba Aberta non está no goberno, a unidade municipal no que respecta á loita contra a pandemia “quedara en papel mollado”.