O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa de cara ao Pleno Ordinario correspondente ao mes de Xaneiro (17:00h do vindeiro xoves día 4). Unha interpelación directa aos grupos con representación municipal, cuxo obxectivo é o de instar “con carácter de urxencia” á Xunta a que as traballadoras do Servizo de Atención no Fogar (SAF) teñan a consideración de persoal sanitario en primeira liña e sexan incluídas de forma prioritaria, polo tanto, nos plans de vacinación da mesma.
Tal e como explicou o noso voceiro municipal, Modesto Renda, “en Vilalba, o SAF conta con máis de cen profesionais que dan servizo a outros tantos usuarios que forman parte da poboación de risco”. Profesionais, lembrou, que “día a día coidan dos nosos maiores e dependentes”, realizando “un labor fundamental que as administracións non están a recoñecer”.
Unha opinión compartida pola educadora social e membro da asemblea de Vilalba Aberta, María Pérez, que puxo como exemplo o caso de “traballadoras deste servizo que poden atender a varios usuarios diferentes en vivendas diferentes no mesmo día” e isto, explicou, “implica un elevado risco de propagación da Covid-19”.
Na mesma moción, Vilalba Aberta reclamará que se incremente o número e a periodicidade das probas PCR ao persoal de atención no fogar, cando menos mentres non se complete a vacinación. A este respecto, Renda e Pérez insisten en que, “se existe algún contaxio, este debe ser detectado canto antes”.
COIDAR DE QUEN NOS COIDA. UNHA INICIATIVA “XUSTA”
O voceiro de Vilalba Aberta confía en que o pleno aprobe por unanimidade esta proposta. Na súa opinión, “non se trata só de esixir que coidemos a quen nos coida, senón tamén de recoñecer o labor tan importante que realizan, que en moitas ocasións vai máis alá do que o seu traballo lles esixe”. Renda considera que atender esta petición “é de xustiza, máis aínda cando día a día estamos a ver nos medios casos de “verdadeiros indecentes” que aproveitan a súa posición de poder para vacinarse antes de quen realmente o precisa”.
“O persoal do SAF estanse xogando o tipo, e a Consellería de Sanidade debe ter en conta o importante traballo que están a realizar á hora de deseñar o plan de vacinación, antes de que sexa demasiado tarde” sentenciou.