Vilalba Aberta segue sumando parroquias no seu proceso de escoita do rural vilalbés. Así, e despois das xuntanzas en Santaballa; Nete; Ladra; Oleiros; Carballido; Corbelle; Belesar; San Simón; Lanzós; Árbol, Bordelle, Sancovade e Vilapedre a formación visitará Codesido e Noche para celebrar a 14ª e 15ª paradas da súa iniciativa “Rede de Parroquias”.
As reunións están fixadas para este mércores 26 ás 20:30h na Casa Escola de Codesido e para o xoves 27 á mesma hora na Casa Escola de Noche e sitúanse no marco dunha serie de encontros deseñados pola formación co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza do rural vilalbés e incorporalas, logo, á axenda política do Concello.
O seu candidato á Alcaldía, Modesto Renda, animou á veciñanza de Codesido e Noche a participar achegándose o mércores e o xoves ás respectivas Casa Escolas. Así mesmo, non quixo deixar pasar a oportunidade para trasladar o seu “profundo agradecemento ás directivas da asociacións de veciños das dúas parroquias” por permitir facer posible estes novos encontros.