Vilalba Aberta segue escoitando unha a unha as parroquias do Concello. Despois da súa recente visita a Sancovade, a formación municipalista achegouse este mércores a Vilapedre co obxectivo de recoller “de primeira man” as demandas dos seus veciños/as.
O deplorable estado da rede viaria municipal centrou unha xuntanza na que veciñanza presente lamentou o estado de degradación e abandono de pistas como a que une os barrios do Porto de Bois, A Fraga e o Pazo ou a que comunica a Carballeira e Rebordelo. Na mesma liña se pronunciaron os veciños/as ao respecto do vial a que enlaza a Sarela co Castro, así como sobre o que vai do barrio da Bouza ao de Vigo.
En palabras de Modesto Renda, a xuntanza era unha “absoluta prioridade” para VA pois – declarou – “non pararemos ata facer xustiza cunha parroquia esquecida e á que non puidemos axudar como nos gustaría na presente lexislatura”.
É por isto que se comprometeu como candidato cos seus veciños/as, fixándose o obxectivo de mudar a partires do 28M “unha realidade que debera avergoñarnos coma representantes dos vilalbeses/as.”