Vilalba Aberta segue sumando colectivos ao seu proceso de escoita de entidades e asociacións. Así, e despois da visita ao Hospital Asilo, a formación reuniuse este luns coas Asociacións de Nais e Pais co fin de recoller de primeira man as súas demandas.
A igualdade de trato por parte do Concello para cos distintos centros; o necesario mantemento municipal das instalacións educativas ou a posibilidade da posta en marcha de Camiños Escolares Seguros ao estilo do que xa está a funcionar noutras vilas, centraron unha xuntanza que dende VA cualificaron de “didáctica e produtiva”.
O candidato á Alcaldía da formación , Modesto Renda, puxo en valor o imprescindible de facer política “escoitando a todos os sectores da sociedade civil vilalbesa” e animou a todas as entidades e asociacións a contactar co VA.
Un chamamento compartido pola responsable de organización e Nº 4 da Candidatura de Vilalba Aberta, Mónica González, quen non quixo deixar pasar a oportunidade para trasladar o seu “profundo agradecemento” ás directivas das ANPAS representadas por permitir facer posible este novo encontro.