Vilalba Aberta ven de anunciar a parroquia fixada para a que será a terceira parada da súa iniciativa “Redes de Parroquia”. Logo das dúas primeiras de Santaballa e Nete, Vilalba Aberta trasladará desta volta a súa dinámica de asembleas abertas á parroquia de Ladra, co fin de coñecer de primeira man as súas necesidades e incorporalas á axenda política da corporación.
“ A acollida en Santaballa e Nete foi fantástica e, logo de confirmarmos xa arredor de 10, xurdiron máis peticións de Asociacións de Veciños doutras parroquias que querían que nos achegaramos”, apuntaba esta mañá na súa declaración á prensa a nosa Concelleira, Mª Xosé Fernández.
Na mesma liña se pronunciaba o noso voceiro municipal, Modesto Renda, poñendo en valor “a predisposición e iniciativa da veciñanza das parroquias que os contactaron, así coma o imprescindible de facer política “escoitando aos veciños das parroquias” pois “son sempre os máis damnificados polo conxunto dunhas administracións, lembremos, chamadas a velar polos seus intereses do mesmo xeito que o fan polos veciños/as do casco urbano”
Dende Vilalba Aberta remarcamos unha vez máis a importancia de dar resposta ao que tantos veciños das parroquias dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: “As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral” e contextualizamos a súa aposta decidida polas parroquias na necesidade de cumprir co compromiso adquirido coa veciñanza de levar as nosas asembleas ás 29 parroquias do Concello de Vilalba.”
É por isto que animamos á veciñanza de Ladra a participar, achegándose este domingo día 26 – 18h – á Casa Escola da parroquia. Así mesmo, non queremos deixar pasar a oportunidade para trasladar o noso profundo agradecemento á directiva da Asociación de Veciños de San Salvador de Ladra por permitir facer posible este novo encontro.