Vilalba Aberta volveu este xoves á sede da Asociación de Empresarios Sete Pontes, logo da súa xuntanza do pasado luns co comercio asociado. O motivo, un novo encontro, desta volta coa representación da súa sección de hostalería, a fin de escoitar e recoller de primeira man as problemáticas do sector, así como as que, nomeadamente, este está a ter co Goberno en minoría do PSOE no Concello, dende que se consumara o cese por parte da Alcaldía do noso voceiro, Modesto Renda, como Concelleiro de Goberno delegado nas áreas de Comercio e Turismo.
A xuntanza, á que, ademais de Modesto Renda, acudiron a tamén concelleira de Vilalba Aberta, María Xosé Fernández e a nosa compañeira, Ana Paredes; supuña, tal e como os tres recoñeceron á súa saída da mesma, “un compromiso ineludible para Vilalba Aberta”, pois, xunto ao comercio, estamos a falar dunha das actividades económicas máis afectadas pola crise da covid no termo municipal.
Neste senso, non quixeron deixar pasar a ocasión para lamentar o “absoluto desleixo do Goberno en minoría do PSOE co sector”. Unha situación que, en palabras de Modesto Renda, e tal e como recoñecían os propios hostaleiros nunha nota de prensa conxunta das seccións de comercio e hostalería, “ten fartos ao conxunto da hostalería e do comercio asociado”.
A este respecto, e ao tempo que manifestaron a súa satisfacción pola “grande acollida” que a aprobada proposta de programa de axudas directas a autónomos e Pemes de Vilalba Aberta tivo entre o conxunto da hostalería, compartiron argumentación e análise coa representación da hostalería, censurando que Goberno en minoría do PSOE en Vilalba inicie “capada” e “sen comunicación coa hostalería no tocante aos máis elementais criterios de seguridade física e xurídica”, a proposta de reordenación urbana de Vilalba Aberta, saltándose a convocatoria da comisión de urbanismo específica á que se comprometeran por boca do tenente de alcalde Rodrigo Pavón a cambio de que Renda retirara a iniciativa no último Pleno Ordinario.
Unha proposta integral, que tiña por obxecto o de favorecer a ampliación de terrazas ao tempo que a seguridade e a distancia social entre os peóns, como medida de axuda ao sector hostaleiro no Concello de Vilalba e que, tal e como se expuxo no contexto da reunión, xa no seno do Goberno de Coalición, Vilalba Aberta trasladara a principios de Maio en base á necesidade comezar canto antes a traballar, da man do equipo técnico do departamento de urbanismo,” co fin de que, no intre no que os establecementos hostaleiros puideran retomar a súa actividade, “o Concello de Vilalba tivera preparada e publicitada xa a posta en marcha dunha proposta”.
Un esforzo estéril, o de Vilalba Aberta, e unha falta de determinación, a do PSOE, que, tanto para a hostalería como para nós, supuxo que se xerara un “importante malestar” no conxunto dos profesionais vinculados, en base á “continua indefinición”, cando non, directamente a “abertas contradicións ao respecto das indicacións trasladadas dende o consistorio.”
“De novo, ao Goberno Municipal fixémoslle o traballo diante dunha cuestión na que, por tentar invisibilizar a Vilalba Aberta, van, coma sempre, tarde mal e a rastras”, apuntou a este respecto Modesto Renda, censurado que “por segunda vez en menos de 15 días”, o Goberno volva a “obviar os máis elementais preceptos democráticos” e “improvisar en base ao decidido a última hora para non respectar un acordo plenario”. Unha “inconcibible deriva”, remarcou, que “recorda ás peores formas dos 40 anos de Goberno do Partido Popular”, coa diferenza non asumida de que o PSOE non ten a maioría absoluta na corporación”, sentenciou.
Na mesma liña se pronunciou Mª Xosé Fernández, censurando a “continuada falta de seriedade, comunicación e respecto polo acordado en Pleno”, por parte dun Goberno Municipal ao que cualificou de “exasperante na súa lentitude”, ademais de “pouco eficiente” e “manifestamente descoordinado” que, “aínda por riba, goberna de costas a aqueles veciños e sectores económicos aos que, con fins exclusivamente publicitarios, di axudar”.