O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de anunciar que levará a Pleno o cumprimento dunha das ordenanzas de maior transcendencia para a veciñanza das parroquias, isto é: a nº 47, reguladora do uso común especial do dominio público local polas actividades extractivas de madeira nos montes e espazos forestais do Concello de Vilalba.
O noso obxectivo é que o equipo de goberno exerza as súas competencias no relativo ao control das actividades extractivas de madeira e poder, así, evitar que os accesos, camiños e pistas de titularidade municipal se vexan deterioradas por este motivo. Unha reivindicación, que parte das numerosas queixas da veciñanza das parroquias, en relación coa inacción do Concello diante do deterioro que as actividades derivadas da corta e saca da madeira producen no firme.
“A desidia municipal ao respecto do cumprimento desta ordenanza tradúcese nun incremento das partidas que o Concello destina ao mantemento das pistas”, lembrou a este respecto o noso voceiro municipal, Modesto Renda.
Neste senso, e ao tempo que puxo en valor “a importancia do sector forestal e a actividade madeireira asociada”, aos que definiu como “fundamentais para a sustentabilidade económica da veciñanza”; Renda sinalou especialmente ao papel do Concello, en tanto que “responsable último de que as actividades de saca, depósito e transporte da madeira non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden en axeitado estado de conservación, limpeza e seguridade, como símbolo de respecto co resto da veciñanza, nomeadamente con aquela que fai uso das mesmas para a actividade agrícola e gandeira.”
Na mesma liña se pronunciou a nosa compañeira e vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, lembrando que, entre as normas establecidas por esta ordenanza, destaca a esixencia da prestación dunha fianza que cubra preventivamente o risco de deterioro. “Esta garantía vai dende os 500 aos 6.000 €, dependendo do volume de corta”, explicou.
“De non quedar en bo estado, a empresa está obrigada a asumir os custes da reparación dos estragos producidos, mais a realidade que día a día padecen os veciños/as das parroquias é ben diferente.”
É por isto, que ademais de urxirmos ao Goberno ao cumprimento da antedita normativa municipal, pediremos explicacións, pola vía dunha solicitude de comparecencia en Pleno do edil de Medio Ambiente e Rural, co fin de coñecer de primeira man o número de depósitos e sancións.