Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha visita a Codesido, o candidato á Alcaldía da formación, Modesto Renda, instou á Alcaldesa a reclamar da Deputación o arranxo da estrada provincial LU-P-6516 ao seu paso pola parroquia.
O tramo, que conecta a estrada que vai de Vilalba a As Pontes coa que une Vilalba e Momán , atópase nun estado evidente de degradación nunha das súas marxes. Así, e tal como explicou Renda o motivo non é outro que a “erosión provocada polas crecidas e a ausencia de elementos de contención”.
Xunto a Renda, á zona desprazouse tamén o responsable de Medio Rural na Coordinadora de Vilalba Aberta, Luís Barrio, quen agradeceu a confianza dos veciños/as e urxiu á Alcaldesa a atender esta nova reivindicación veciñal “antes do remate da lexislatura”.