Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario unha iniciativa para a reorganización da propiedade rural a través de permutas. A proposta, cuxo obxectivo é o de mellorar a rendibilidade da superficie agrícola do concello, subvencionaría, ademais, ata un 75% dos gastos notariais a aqueles veciños/as aos que, voluntariamente, lles interesara intercambiar as súas fincas.
Dende o noso Grupo Municipal, contextualizouse a medida na demanda por parte da veciñanza das parroquias de “instrumentos útiles, prácticos e dinámicos que permitan promover a reorganización da propiedade a nivel local, sen necesidade de agardar por procesos máis complexos como as concentracións parcelarias (hoxe coñecidas como reestruturacións parcelarias) tan demoradas no tempo.”
O noso voceiro, Modesto Renda, instou aos grupos con representación na corporación municipal a apoiar unha iniciativa que “se facía necesaria no Concello de Vilalba” e que, seguindo o exemplo do que xa ese está a facer en Friol “poría en marcha un instrumento, dende 2015, definido na vixente Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia e que aínda non fora posto en práctica no territorio galego.”
“Dende Vilalba Aberta entendemos que o Concello ten a responsabilidade de reverter a continuada perda de terras agrícolas que, dende hai máis dunha década, está a afectar negativamente á rendibilidade do noso agro. O noso papel como oposición é procurar solucións serias e contrastadas ás demandas da veciñanza e as do noso sector agrogandeiro, non poden agardar máis”, explicou.
DELIMITACIÓN DOS TRABALLOS
Os traballos a realizar, unha vez definida a superficie, consistirían no achegamento ao perímetro de actuación, estudo da caracterización da zona, análise da propiedade do terreo, anteproxecto de reestruturación, coa súa posterior tramitación ata que se obteña a aprobación da Dirección Xeral de Infraestruturas e, finalmente, proceder á repartición, marcación e transferencia á notaría do rexistro e finalmente ao seu rexistro.
Así mesmo, a iniciativa de Vilalba Aberta concíbese como complementaria a calquera outro mecanismo de reestruturación, aínda que está especialmente pensada para as áreas locais e específicas que están pouco cultivadas.
“Permitiríase o acceso á terra das explotacións existentes, así como a agrupación de superficie para facilitar o acceso ás explotacións, o que suporía un beneficio engadido para aqueles propietarios/as que non cultiven nin exploten as súas terras, xa que as porían en valor”, lembrou a este respecto Renda.
“A posta en marcha de iniciativas coma esta, de permutas agrícolas entre particulares, é unha necesidade evidente que se detecta dende hai anos, e agora, logo de contrastar o exemplo do veciño concello de Friol e, agardemos, co apoio do PSOE e o PP locais, pode facerse, ao fin realidade, no Concello de Vilalba”. sentenciou.