Vilalba Aberta presentou na mañá de hoxe unha nova iniciativa, a debater no vindeiro Pleno Ordinario de Novembro. A proposta, ten por obxecto poñer fin á escaseza de recursos que dende hai anos ven padecendo o MUAPV, pola vía dun grande acordo municipal que sexa quen de superar a actual situación de dependencia que a institución ten con respecto á Asociación de Amigos do Museo.
Unha realidade, que está a obrigar aos seus responsables a delegar a meirande parte das súas actividades, e que dende Vilalba Aberta exemplificamos nos atrancos relativos ao intercambio científico con editoriais; no tocante á edición da revista de investigación “Férvedes”, (publicado xa o seu último número por iniciativa da devandita asociación); na imposibilidade de asumir no pasado mes de xullo a organización da cuarta edición do Congreso Internacional de Arqueoloxía (organizado tamén pola asociación e con aportes doutras administracións) ou na dificultade para a imprescindible instalación de audioguías, así coma no que ten que ver co arranxo dalgunhas das pantallas.
É por isto que chamamos a escoitar as demandas do seu director, Eduardo Ramil, ao tempo que reivindicamos a negociación dun acordo de consenso que, a través dun regulamento específico, “blinde nunha cantidade fixa (soamente ampliable) a partida anual de fondos aportada polo Concello”. Un verdadeiro Pacto Municipal, que asegure o presente e o futuro da institución, desvinculando dos vaivéns políticos a un emblema que sobrevive única e exclusivamente grazas ao esforzo dos seus responsables.
A este respecto, facemos así mesmo referencia á escaseza de espazo. Unha problemática engadida, que afecta ás salas destinadas a acoller as diferentes exposicións e que dende Vilalba Aberta consideramos insuficiente en relación ás necesidades das actividades, pois, obriga aos responsables a andar montando e desmontando con demasiada frecuencia. Neste senso, a iniciativa recollerá tamén unha proposta de acondicionamento do patio exterior, utilizado hai anos para diversas actividades e actualmente descartado por mor do abandono e das herbas que en gran parte o cobren.
Na mesma liña, urxiremos ao Goberno a emendar as deficiencias en forma de filtracións de humidade. Unha – por agora – incumprida promesa da Alcaldía, que dende Vilalba Aberta consideramos de “absoluta prioridade” a fin de que “nin o patrimonio bibliográfico nin o arqueolóxico sufran ningún tipo de dano.