Os edís de Vilalba Aberta, Modesto Renda e Mª Xosé Fernández, presentaron hoxe unha nova iniciativa, a fin da implantación en Vilalba de dous novos ciclos de formación profesional, isto é; o curso F.P de Agraria e o de Procesos e Calidade na Industria Alimentaria.
A proposta, que insta ao Concello a elevar unha solicitude á Xunta “conxunta e asinada polos voceiros dos tres partidos representados na corporación”, atopa fundamento nas posibilidades que, en termos de formación e de inserción de emprego, suporía para a mocidade vilalbesa a posta en marcha dos dous ciclos que mellor atenden á realidade dun concello eminentemente agrario e que se caracteriza, ao tempo, por contar con dúas das mais importantes empresas de transformación de leite.
“A nosa reivindicación parte da imperante necesidade de facer competitiva a estrutura produtiva do Concello, ao tempo que se melloran ás condicións de empregabilidade dun segmento de poboación, a mocidade, líder involuntario de todas as clasificacións de datos de paro e para o que Formación Profesional se concibe coma unha ferramenta imprescindible”, explicou o noso voceiro municipal, Modesto Renda.
Unha opinión compartida por Mª Xosé Fernández, quen chamou a adaptar ao Concello de Vilalba a unha contorna laboral que mudou definitivamente nos últimos anos e que se atopa reflectida en recentes estudos, tales como o realizado pola OCDE “As competencias máis aló da escola”, e que xa estiman que nos próximos anos preto de dous terzos do crecemento no emprego terá lugar na categoría de técnicos titulados de Formación Profesional en Grao Medio e Superior.
FACER DO CONCELLO DE VILALBA A “CAPITALIDADE DO SECTOR AGROALIMENTARIO DA PROVINCIA”
Para VA, o futuro nosas explotacións está en risco, en tanto que “non resulta fácil a substitución xeracional sen a necesaria e oportuna formación.” Unha formación, cómpre lembrar, sen a cal o traballo agrario está inxustamente infravalorado.
“Neste senso se entende tamén a iniciativa, a fin de poñer en valor o traballo agrario para que os mozos/as o vexan como unha oportunidade de futuro e se recupere o interese por continuar coas actividades iniciadas polo seus pais e/ou avós, modernizándoas e adaptándoas a unha novas tecnoloxías que as fagan competitivas no contexto actual”, argumentou Renda.
Unha visión, que dende Vilalba Aberta facemos extensiva ás potencialidades do outro ciclo que pretenden importar, isto é: o de Procesos e Calidade na Industria Alimentaria, e que pola vía da específica formación en tarefas de xestión da produción, organización, control, investigación, así coma no que ten que ver co desenvolvemento, calidade e seguridade alimentaria; suporía, do mesmo xeito, a tan necesaria adaptación da oferta formativa ás verdadeiras necesidades produtivas do tecido empresarial de Vilalba.
Porque cómpre traballar a medio e longo prazo, con vistas a facermos de Vilalba un referente do sector agroalimentario, en base a unha crecente densidade gandeira, ao repunte e consolidación da produción ecolóxica e de proximidade e á calidade innovadora dunhas explotacións, que se conciban competitivas ao tempo que respectuosas co medio ambiente.