“Nas parroquias a mesma inversión que na vila”. Así resumiu o Candidato de VA á Alcaldía, Modesto Renda, a última reivindicación da súa formación. Unha nova proposta, que defendeu xa no Pleno Extraordinario de Febreiro e que, agarda, “sexa aplicada antes do remate da lexislatura polo goberno local”.
A necesidade de facer xustiza coas parroquias é fundamental para VA. Logo de arrincar do PSOE un acordo por valor de 900.000€ para as parroquias, a formación traballa dende hai meses para cumprir con aquelas que quedaron fóra.
“A medida permitiría dotar de crédito a execución de proxectos de obra pendentes en diferentes vías e accesos de titularidade municipal nas parroquias de Oleiros, Vilapedre, Noche, Sancovade, Belesar, Soexo, Mourence e Boizán”, explicou Renda.
Unha opinión compartida pola Nº2 da Candidatura de VA, Mª Xosé Fernández, quen apelou ao “factor complementario e corrector” desta nova proposta. Para explicalo, comparou o acadado pola formación ao respecto das axudas a autónomos.
“Despois de arrincar do PSOE as axudas a autónomos conseguimos unha segunda liña para os que quedaran fóra e volverémolo facer”, sentenciou.