O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova solicitude, a fin de urxir ao equipo de goberno local a autorizar á hostalaría a instalación de elementos de confort para aclimatar as terrazas e mellorar a súa comodidade durante os meses de inverno.
Unha nova iniciativa, que o noso voceiro municipal, Modesto Renda, contextualizou na necesidade de “dar cumprimento ás demandas dun sector fundamental para a pequena e mediana economía vilalbesa” co obxectivo de que, “toda vez que poidan volver a abrir as súas portas – aínda que con restricións de aforo e/ou horario – conten coa necesaria colaboración do Concello de cara a poder manter a súa actividade, así coma os postos de traballo que xeran”.
Así mesmo, o noso voceiro non quixo deixar pasar a ocasión para volver facer pedagoxía ao respecto da necesidade de cumprir, tamén, co reivindicado pola hostalaría vilalbesa, en relación coa posta en marcha do Programa Municipal de Axudas Directas aprobado no Pleno Ordinario de Xullo, “precisamente a iniciativa do Grupo Municipal de Vilalba Aberta.”
“A hostalaría falou claro e nós estivemos, estamos e estaremos sempre con eles: Sobran ocorrencias e urxen programas de axudas serios, tales como a probado en Pleno, a iniciativa de VA.”, lembrou a este respecto un Renda, que, de novo, puxo enriba da mesa a urxencia da negociación duns orzamentos municipais de reconstrución, que fagan posible a tramitación dunhas axudas directas que “o goberno do PSOE imposibilitou que chegaran ao conxunto dos autónomos e Pemes vilalbesas na anualidade 2020”.
Unha opinión compartida pola nosa concelleira e vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, quen, ademais, quixo pór en valor a responsabilidade das e dos hostaleiros locais no relativo ao cumprimento das recomendación realizadas polas autoridades sanitarias. “Responsabilidade individual, axudas directas e facilidades para o sector”, só así faremos posible que a viabilidade económica destes negocios e o desfrute da veciñanza non interfiran nos avances que, con esforzo e determinación, estamos a acadar coma sociedade para frear a propagación do virus”, sentenciou.