O Grupo Municipal de Vilalba Aberta levará ao vindeiro Pleno do Concello unha proposta de declaración institucional en apoio aos sectores do transporte e agrogandeiro. O noso obxectivo é que os tres partidos con representación municipal (PSOE, PP e VA) se unan no rotundo rexeitamento á parálise das institucións diante da insostible escalada de prezos derivada da entrada dos carburantes na espiral inflacionista provocada polo conflito da Ucraína e que – tal e como denunciamos na presentación da iniciativa – está a impactar de cheo nas familias traballadoras, nas empresas e en sectores produtivos estratéxicos para Vilalba como a agricultura e o transporte.
En palabras do noso voceiro municipal, Modesto Renda, “a brutal subida de prezos segue imparable e as facturas da luz e o gas, ademais dos carburantes, cun IPC totalmente descontrolado, empobrece ás familias traballadoras, afecta á competitividade das nosas empresas e sepulta as esperanzas de moitos sectores produtivos que empezaban a saír da crise”.
Unha opinión compartida pola nosa compañeira, e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, quen puxo de manifesto a súa preocupación preguntándose “ao paso que imos, cantos negocios e explotacións sobrevivirán” ou “cantos transportistas van deixar o seu camión aparcado por lles saír máis caro o feito de arrincar?”
PROPOSTAS CONCRETAS A TRASLADAR ÓS GOBERNOS AUTONÓMICO E ESTATAL
Máis alá da diagnose, a iniciativa de VA pon o foco nunha serie de propostas encamiñadas a paliar os efectos da inflación. Así, e ao respecto dos carburantes, o noso Grupo Municipal propón demandar do Goberno Central que se garanta o prezo dos hidrocarburos no límite que existía antes da escalada de prezos e a rebaixa temporal dos impostos á gasolina e ao gasóleo co establecemento de diferenzas entre o consumo profesional e o doméstico.
Na mesma liña; mais no relativo ao sector agrogandeiro, Vilalba Aberta esixe o “estrito cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria” e que se impida a venda a perdas. Ademais, e tal e como apuntou Modesto Renda, “Vilalba Aberta incluirá na iniciativa cuestións “amplamente reivindicadas polo sindicalismo agrario” como a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables ou que se fixe un prezo máximo para a electricidade no sector primario.
A posibilidade de pór en marcha un paquete de axudas extraordinarias a través do que se coñece como “axudas mínimas”, isto é: ás que non superan os 200.000 €, e que poden tramitarse en forma de subvencións ou deducións, pechará o marco de reivindicacións de Vilalba Aberta para o sector.
Por último, e no que afecta á factura da luz, a iniciativa de VA demanda a redución ao 4% do IVE da luz, así como unha “actuación urxente sobre o mercado enerxético” que poña fin ao que Modesto Renda cualificou de “beneficios caídos do ceo” e que – denunciou – se están a traducir en “plusvalías multimillonarias para o lobby”.
A posta en marcha dunha tarifa que permita ás empresas e familias traballadoras beneficiarse de que Galicia é rica en electricidade, pechará a declaración.