Dende Vilalba Aberta vimos de facer pública a nosa última iniciativa, a defender no vindeiro Pleno Ordinario de Xaneiro. Unha proposta marco aos grupos con representación na Corporación, que atopa o seu contexto no continuado decrecemento demográfico do que é vítima o Concello e que se viu confirmado logo da publicación dos últimos datos do INE, relativos ao Padrón Municipal de Xaneiro de 2018.
Desenvolvemento económico e políticas fiscais para poñermos fin a un declive que levou ao Concello de Vilalba a perder 562 habitantes, se atendemos ás cifras correspondentes ao ano 2014.
“A crise demográfica non é un fenómeno meteorolóxico. É a consecuencia directa de políticas impostas e afastadas do sentido común e do interese xeral da veciñanza”, declaraba na mañá de hoxe o noso compañeiro e voceiro municipal, Modesto Renda.
“Os recursos procedentes doutras administracións deben ser un activo fundamental que impulse e fixe de poboación; mais levamos décadas vendo como a chegada de fondos públicos (autonómicos, estatais e europeos) para o desenvolvemento do noso Concello non teñen apenas repercusión. Ao tempo, Vilalba agoniza entre a vergoña do despoboamento e a parálise dunha rede caciquil pouco interesada en revertelo.” Argumentou o noso edil.
A este respecto, dende Vilalba Aberta facemos referencia ás incertezas en servizos de proximidade fundamentais (atención primaria e educación de 0 a 3 anos); á negativa do Partido Popular a dirixir un proceso de defensa do sector primario; ou á incapacidade do Goberno Municipal para atraer inversión e para desenvolver unha política forestal sustentable e economicamente rendible; en tanto que as responsables, entre outras, do noso dramático saldo vexetativo.
Unha dinámica, que non fai máis que retratar a incapacidade manifesta do Partido Popular, tanto a nivel municipal coma na Xunta, para artellar social e territorialmente o Concello.
POLÍTICAS DE DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO
Se ben, as posibilidades de contribuír á creación de emprego dende os Concellos son limitadas; non é menos certo que a xestión municipal non é neutra no que ten que ver, xa non só, co seu fomento, que tamén, senón coa mesma capacidade de influencia na consecución de novos nichos de emprego para a veciñanza.
Neste senso, unha das cuestións fundamentais que expón na nosa iniciativa é a da potenciación do modelo dos mercados de produtores fronte ao actual modelo de intermediarios, a fin de promover a produción e consumo de produtos naturais ecolóxicos así coma a agricultura ecolóxica e de proximidade.
A agricultura ecolóxica como saída para o sector? Por suposto, e a receita, cremos, non é outra que a de investirmos en formación, recuperación de variedades, canles curtas de comercialización e a de explorar todo tipo de accións que faciliten a explotación sostible da nosa terra.
En segundo lugar, a proposta de Vilalba Aberta insta a profundar na ampliación de chan industrial en varias fases, en base ao interese de empresas por asentarse no Concello e o afán por conseguir que outras dean ese paso. A este respecto, facemos referencia á ampla bolsa de espazo (700.000 metros cadrados) situada ao redor do polígono de Sete Pontes e que nesta lexislatura ven de perder a consideración de chan industrial que tiña debido a cambios derivados da nova Lei do Solo. Con todo, xunto ao polígono hai terreos que lograron da Xunta a consideración de Área de Expansión de Galicia, o que facilitaría un plan para o que tal e como xa recoñeceu o Concello non sería preciso modificar as normas urbanísticas.
Neste senso facemos nosas as reivindicacións dos representantes das PEMES locais, relativas ás potencialidades do municipio, pois estamos nunha encrucillada de camiños, e hai que actuar nese sentido.
No seu terceiro eixo económico, a nosa iniciativa pretende actuar directamente sobre as urxencias do noso pequeno comercio local e que ten grande importancia no casco urbano, pois este actúa de centro de servizos para o resto do concello e boa parte da comarca. Un sector vítima da propia devastación do primario e do escaso fomento por parte do consistorio do comercio local, en tanto que forma de manter a cohesión social, fronte ás grandes superficies comerciais. Aí, precisamente se insire a nosa idea de dinamización do turismo sostible, para o que tomamos en consideración as propias potencialidades de vila e parroquias, pola vía dunha unha estratexia que aglutina recursos culturais, artísticos ou gastronómicos, e que se proxecta aberta aos espazos territoriais comarcais máis próximos.
Ademais dende Vilalba Aberta instamos tamén ao fomento de iniciativas culturais que impulsen o desenvolvemento e o coñecemento do patrimonio cultural, arquitectónico e ambiental como elemento xerador de emprego.
O apoio decidido aos traballadores autónomos, así como a recuperación daqueles sectores económicos en risco de desaparición ou que se extinguiron como actividade produtiva, constitúen tamén unha aposta económica viable, dando sempre prioridade a uns sectores primario e servizos, abandonados á súa sorte polo actual Goberno Municipal. Un goberno, que no lugar de apostar polo sector público favorece a externalización e privatización encuberta dos servizos públicos munIcipais, desbotando a posibilidade dunha contratación directa con criterios de transparencia e igualdade.
Nesta liña, a transversalización incluíndo a perspectiva de xénero en todas as determinacións que se adopten, está pertinentemente recollida na iniciativa coma dunha importancia capital nun contexto de crise económica, cuxas consecuencias negativas acostuman a recaer especialmente nas mulleres.
FISCALIDADE FRONTE AO DESPOBOAMENTO
Deducións para a contratación ás PEMES. Nada novo como medida fiscal, mais de total importancia na contorna rural á hora de reter o talento ou importalo de fóra. Tal e como se recolle na iniciativa, desta forma motívase ademais o crecemento das propias PEMES. Existen numerosos exemplos de Concellos rurais e semirurais nos que levaron a cabo programas de axuda á contratación de mozas e mozos da localidade, subvencionando á pequena e mediana empresa. Este tipo de medidas foron aplaudidas e contaron cada vez con máis beneficiarios en pequenas e medianas vilas do país, pois alá onde se puxeron en práctica, axudaron aos e ás mozas á hora de conseguir un traballo e evitou que tivesen que emigrar ou trasladarse para atopar un traballo digno.
RACIONALIZACIÓN NOS GASTOS DOS ÓRGANOS DE GOBERNO COMA CONTRAPARTIDA
Toda política pública require de investimento e é precisamente na municipal onde se atopan as maiores dificultades. Mais con todo, a nosa iniciativa apela a vontade política do Goberno Municipal, incidindo nalgúns dos parámetros programáticos máis recoñecibles de Vilalba Aberta, coma fonte de financiamento, isto é: o aforro e a máis estrita eficiencia no gasto, coa erradicación do despilfarro nos gastos do Goberno e do persoal de confianza, e a súa contrapartida coa inversión en políticas de emprego e no gasto social coma garantía de progreso e benestar para o conxunto da veciñanza.
Neste senso, e diante da posibilidade dunha negativa por parte do Goberno Municipal coa escusa do insuficiente financiamento, lembramos que a partida destinada a sufragar os “gastos” dos Órganos de Goberno foi fixada polo PP en 187.000 euros, namentres que o fomento do emprego en Vilalba e a relativa a políticas para o rural tan só perciben do Concello un 0,6 e un 0,002% dun total orzamentario, definido para 2018 en 12.084.460 euros e aprobado en solitario polo conxunto da “interesada” bancada popular.
Dinamizar o medio rural:
1º/ Facilitar medios e recursos para a limpeza de fragas, montes, ríos e así apostar por unha agricultura e un gando sostible para os veciños/as das parroquias de Villalba. Isto suporía un maior aproveitamento dos recursos naturales e un maior coñecemento do hábitat da flora e fauna do noso entorno e facilitar unha mutua convivencia.
2º/ Facilitar medios e recursos para ter unha vivenda, pois na actualidade parece ser máis un luxo que un dereito. (Poder edificar en algunha finca do medio, sen tanta imposición e burocracia, sen dañar o medio ambiente, inclusive formar grupos de vivendas en áreas adecuadas).
3º/ Facilitar medios e recursos para os nenos e que as familias novas poidan ter os seus fillos e vivir no rural. ( Axudas económicas: bonos para roupa ou alimentación). (Lugares de lecer)..
4º/ Facilitar medios e recursos par a xente maior que vive soa nas aldeas,. ( Medios de transporte para achegarse á vila, e facer as súas xestións),(Asistencia no servicio da axuda do fogar)…
A xuventude o non ter medios sostibles no rural abandona o seu entorno. A maior fonte de ingresos de Vilalba pertece á xente das parroquias e estas sufren un envellecemento. Todo é unha cadea, Vilalba e a súa contorna necesita xente nova. Quizás os puntos antes mencionados sexan unha utopía, e nada doados, pero sería o soño casi perfecto.