Máis dun cento de persoas acudiron este sábado á asemblea de presentación do novo proxecto político de Vilalba Aberta. Baixo o lema “Máis que un Partido”, o encontro supuxo tamén a posta de largo do que será o órgano coordinador da nosa formación.
Así, Vilalba Aberta fixo públicos diante da veciñanza os nomes dos veciños/as que darán forma á súa Coordinadora e explicou as bases estratéxicas sobre as que se asentará o seu novo proxecto de cara ás Eleccións Municipais de 2023.
UN EQUIPO COMPOSTO MAIORITARIAMENTE POR MULLERES CON MÓNICA GONZÁLEZ COMO RESPONSABLE DE ORGANIZACIÓN
Estruturada en once responsabilidades, a cuxa cabeza se atopará Mónica González como nova Responsable de Organización; a Coordinadora de Vilalba Aberta caracterizase polo grande peso das mulleres (8 fronte a 3 homes) e a importante presenza de xente nova na súa composición.
Ademais, separa escrupulosamente as responsabilidades institucional e orgánica, consagrando a máxima de unha persoa un cargo, resultando unha VA moito máis eficiente á par que coral.
“Este paso tan importante para Vilalba Aberta foi moi meditado. Fomos evolucionando, temos moitas ganas e capacidade de traballo e iso son armas moi importantes”, indicou Mónica González, xa como Responsable de Organización dun órgano executivo no que tamén estará presente Modesto Renda, en tanto que Voceiro Municipal da nosa formación, e na que a actual vicevoceira, Mª Xosé Fernández, terá unha responsabilidade clave na actual etapa de negociacións, como nova encargada de Relacións Institucionais.
A traballadora autónoma Tamara Rodríguez será a responsable de Emprego e Desenvolvemento Local e a funcionaria interina de xustiza, Ana Paredes, unha das últimas incorporacións de Vilalba Aberta e, durante anos, unha das cara visibles da Asociación Protectora de Animais “Os Peludiños”, será a responsable de Medio Ambiente e Benestar Animal.
Iria Currás, historiadora e activista LGTBI, estará á fronte de Igualdade; Luís Barrio, bombeiro forestal, será o responsable de Parroquias e o traballador público, Carlos Currás, encargarase de Urbanismo.
O equipo, péchano a educadora social María Pérez como responsable de Educación e Mocidade; a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar, María Xesús Ferreiro, á fronte de política social e a pedagoga e recoñecida escritora vilalbesa, María Xosé Lamas, como responsable de Cultura e Lingua.
PROTAGONISMO VECIÑAL, TRANSVERSALIDADE E CLARA VOCACIÓN DE GOBERNO
Na súa intervención, Modesto Renda, debullou os obxectivos que fundamentan a reorganización interna coa que, explicou, Vilalba Aberta pretende “pór as bases para a construción dun partido-movemento que lle dispute a alcaldía ao bipartidismo”.
Moi crítico coa xestión realizada polos gobernos do PP e do PSOE, nos dous últimos mandatos, lembrou que o novo proxecto de Vilalba Aberta se asentará ao redor de tres eixos: “O protagonismo da xente, a transversalidade e unha clara vocación de goberno, con traballo, eficiencia, rigor e iniciativa”.
Así, fixo fincapé na vontade de facer de Vilalba Aberta unha organización “cada vez máis transversal”, reforzando o contacto co asociacionismo veciñal, empresarial e cultural. “Queremos sumar cada vez a máis xente, co fin de unir á veciñanza en torno a ideas de sentido común”, apuntou.
UNIDADE E PORTAS ABERTAS A TODAS AQUELAS PERSOAS QUE POÑAN POR DIANTE OS INTERESES DE VILALBA
Na asemblea de presentación, confirmouse tamén que Vilalba Aberta concorrerá ás eleccións municipais co seu propio partido instrumental e unicamente coa marca “VA”, descartando formar parte de ningún “paraugas instrumental” con outras candidaturas ao longo do País. Con todo, Modesto Renda fixo un chamamento á unidade, remarcando que “as portas están abertas e a nosa man está tendida a todas aquelas persoas que antepoñan os intereses do noso Concello por enriba de calquera outro”.
BALANCE MOI POSITIVO DA EXPERIENCIA “MICRO ABERTO” Á VECIÑANZA
Para presentar o seu proxecto, Vilalba Aberta deseñou unha grande asemblea de micro aberto a “todas as persoas que desexaran participar”. “Queriamos dar inicio a esta nova etapa predicando co exemplo. Puxemos en valor a necesidade de darlle voz aos vilalbeses/as e a experiencia revelou que non nos equivocabamos.”, apuntou Modesto Renda.
O acto, rematou cunha festa na propia carpa habilitada na Praza da Constitución, amenizada polos irmáns Fanego, vilalbeses e integrantes do “Dúo Estrellas”.