O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de anunciar que fará súas as reivindicacións de varias parroquias e levará a Pleno o pagamento das carpas alugadas con vistas á celebración das patronais do 2019.
Unha interpelación directa á Alcaldía, que definimos como urxente, pois, foi rexistrada logo meses de reclamacións por parte dos veciños/as que, hai máis dun ano e coa garantía do anterior Goberno Municipal, fixeron fronte ao pago das mesmas adiantando o diñeiro dos seus petos.
Cómpre lembrar que, cando Vilalba Aberta estaba no Goberno, chegaramos a un acordo tácito de que se faría fronte ao pago de todas aquelas carpas que o goberno saínte do PP deixara comprometidas, para, logo en 2020, aumentar a subvención para festexos ás parroquias, a fin de que as diferentes asociacións e/ou comisións de festas puideran asumilas en tempo e forma. O último acadámolo e aprobámolo, mais no referente ao pago das de 2019, o PSOE non cumpriu coa súa palabra.
Un xeito de proceder “inconcibible”, a xuízo da nosa concelleira e vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, quen denunciou que “as promesas de pago da Alcaldesa na Radio cando Vilalba Aberta aínda estaba no Goberno, deron paso á negativa rotunda, toda vez que, meses despois, a veciñanza comezou a preguntar”.
A este respecto, Fernández apuntou directamente á “falta de lealdade institucional” dun Goberno que “de novo trata de ocultar a incapacidade propia escusándose no xeito de facer do PP, namentres os veciños das parroquias afectadas, cos uns e cos outros, son tomados por parvos”.
Unha opinión compartida polo noso voceiro municipal, Modesto Renda, quen cualificou de “lamentable” o feito de que a veciñanza de determinadas parroquias “estea a pagar co seu diñeiro as consecuencias dunha irresponsable disputa política”.
É por isto que, ademais de urxirmos ao Goberno a delimitar os pertinentes pagos con cargo ao vindeiro orzamento a negociar de 2021, Vilalba Aberta pedirá explicacións a Alcaldía, pola vía dunha solicitude de comparecencia en Pleno, co fin de que se dea conta das razóns últimas que xustifican as distincións entre parroquias e festexos, ao respecto dos anteditos pagos.