Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova interpelación á Alcaldesa. A solicitude, que atopa fundamento no deplorable estado da estrada provincial LU-P-6501 ao seu paso por Vilalba, chega logo de que a Deputación Provincial actuara sobre o firme do tramo pertencente ao Concello de Cospeito, ficando, un ano máis, o pertencente ao Concello de Vilalba nun completo estado de abandono diante da incredulidade de veciños e usuarios/as habituais.
“Dende Vilalba Aberta non imos consentir que Concello e Deputación traten á veciñanza de Vilalba coma cidadanía de segunda” declarou a este respecto o noso voceiro municipal, Modesto Renda. Así, avanzou, VA pedirá explicacións á Alcaldesa polo que cualificou de “intolerable agravio con Vilalba” e urxirá ao goberno local a “facer os deberes do mesmo xeito que se fixeron no Concello de Cospeito”.
“A veciñanza leva anos deixándose literalmente as rodas diante do silencio e a inacción das institucións. O acontecido é a gota que colmou o vaso, a xente está farta e toca facer xustiza”, apuntou.