O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa de cara ao vindeiro Pleno Ordinario da Corporación. Unha solicitude “con carácter de urxencia”, a fin de que os negocios vilalbeses afectados polas medidas de peche temporal de actividades establecidas pola Xunta, se vexan beneficiados pola exección do pago das taxas de recollida do lixo, subministro de auga e saneamento, dende o 27 de xaneiro (día de entrada en vigor da Orde Autonómica) e ata o momento no que se produza o levantamento das suspensións impostas.
A medida, sumaríase así ás exencións e bonificacións en taxas e impostos municipais, decretadas polo Concello o pasado mes de maio, cando aínda formabamos parte do Goberno Municipal.
“Todas as capacidades económicas e humanas da administración deben ter como obxectivo o de para paliar os efectos da crise da Covid-19, tamén a nivel municipal”, apuntou a este respecto o noso voceiro na corporación, Modesto Renda, quen cualificou a proposta de Vilalba Aberta como “de sentido común”, logo da orde da Xunta de Galicia publicada no DOG o pasado 26 de xaneiro, sobre as medidas de prevención contra a Covid-19, e que, tal e como lembrou, “afecta dunha forma especial e directa tanto aos profesionais da restauración e a hostalería, como aos propietarios de centros deportivos e ás emprendedoras do sector do ocio infantil.”
É por isto que chamou a seguir o exemplo de Ribadeo, onde “dende onte, os titulares dos negocios afectados poden presentar solicitudes neste sentido, pola vía dunha declaración censal ou certificado do IAE da anualidade 2021, así como dunha declaración responsable conforme o local estivo pechado durante o período que resulte afectado.”
Na mesma liña se pronunciou a súa compañeira de formación, Mónica González, en relación co referente do Concello de Ribadeo, ao situalo como “un exemplo tamén, en tanto que regula aquelas solicitudes presentadas despois de terse pagado xa a taxa correspondente ao período de pago actual, establecendo a devolución do importe por esta causa unha vez presentada a documentación”.
A idea do noso Grupo Municipal é a de acadar, canto antes, o consenso dos grupos con representación, a fin da necesaria consignación de crédito a través dun fondo de compensación, delimitado nos vindeiros Orzamentos Municipais.