Por terceira vez no que vai de lexislatura, Vilalba Aberta trasladará ao debate plenario a problemática relativa ao deplorable estado co que a auga da traída chega a determinadas rúas de Vilalba. Así, e máis alá da lóxica crítica política, o noso Grupo Municipal denuncia que o 20 de Agosto de 2020, o Pleno aprobou unha iniciativa de VA na que, ademais de a repartir un modelo de reclamación/comprobación normalizado co fin de subvencionar o cobro dos recibos dos veciños/as afectados, o Concello de Vilalba quedaba comprometido a facilitar a remisión das analíticas do mes de agosto de 2020 ao completo, así como un informe dos sistemas de filtrado e potabilización.
“Nin a primeira, nin a segunda nin a terceira e á altura de Xaneiro de 2022, veciños/as de Vilalba seguen véndose na necesidade de elixir entre comprar garrafas para cociñar e lavarse, ou facelo na mesma auga turbia que, iso si, lles cobrarán igualmente a prezo de limpa”, denunciou a vicevoceira do noso Grupo Municipal, Mª Xosé Fernández.
É por isto que volverá instar ao Goberno Municipal a que proceda á “inmediata convocatoria da Comisión de Urbanismo, Infraestruturas e Medio Ambiente”, con vistas ao inicio da negociación dun fondo de compensación municipal que, a través da súa delimitación nos orzamentos de 2022, permita subvencionar o cobro dos recibos dos veciños/as afectados, namentres que o problema continúe a repetirse.
Así mesmo, Vilalba Aberta solicitará do goberno do PSOE o reparto dun modelo de reclamación/comprobación normalizado polo conxunto das rúas do casco urbano afectadas pola problemática da traída. “O obxectivo deste reparto é que os veciños/as poidan, de aquí en diante, actuar de inmediato e reclamar do Concello o desconto dos días nos que a calidade da auga non foi óptima para o uso doméstico”, explicou Fernández.
Por último, a formación esixirá que, do mes de Xaneiro de 2022 en diante, o Goberno Municipal proceda á remisión mensual das analíticas ao completo e poña a disposición dos grupos con representación municipal un informe dos sistemas de filtrado e potabilización.