A convocatoria, realizada de xeito conxunto por diferentes procesos municipalistas de toda Galiza, aspira a ser unha primeira toma de contacto para a posta en marcha dun proceso de confluencia para as vindeiras Eleccións ao Parlamento Galego.
Este sábado 16 de Xaneiro e na pontevedresa vila da Estrada, terá lugar unha primeira xuntanza, que se desenvolverá de 10:30 a 19:00 horas, na que as diferentes iniciativas municipalistas galegas de unidade popular nos autoconvocamos a unha reunión de traballo colectivo. Un bosquexo para imaxinar o instrumento que como cidadanía precisamos para mudar as cousas no noso país e as vías que temos para construílo de xeito colectivo, en común e sen exclusións.
Como ben sabedes, nas pasadas eleccións municipais de maio, ante a grave situación económica e política que padecemos, xurdiron en todo o país diferentes procesos de confluencia e unidade popular cun obxectivo: facilitar a máxima participación da cidadanía na política municipal e devolverlle as institucións á xente. É dicir, acadar máis e mellor democracia e colocar de novo as persoas no centro da acción política.
Da intención pasouse á práctica, e algúns destes movementos constituíronse en alternativas reais de goberno en vilas e cidades, acadando as principais alcaldías da provincia da Coruña. Pero fomos moitas máis as que, co noso traballo e implicación, recollemos a ilusión dunha gran parte da cidadanía nun novo xeito de facer política e acadamos tamén un importante avance electoral.
Da intención pasouse á práctica, e algúns destes movementos constituíronse en alternativas reais de goberno en vilas e cidades, acadando as principais alcaldías da provincia da Coruña. Pero fomos moitas máis as que, co noso traballo e implicación, recollemos a ilusión dunha gran parte da cidadanía nun novo xeito de facer política e acadamos tamén un importante avance electoral.
Nas eleccións estatais de decembro, a coalición En Marea, recollendo aquel impulso inicial de maio encarnado na figura dos alcaldes rebeldes e coa colaboración da inmensa maioría das candidaturas municipalistas, obtivo un resultado histórico que fixo tremer o bipartidismo e que fará que, por primeira vez na nosa historia, poidamos contar cun grupo parlamentario propio no Congreso. Mais non é abondo: a suma dos partidos do réxime aínda é maior e temos que seguir a traballar para multiplicar o peso das forzas do cambio político. Esta implicación colectiva é imprescindíble para espertar a ilusión e inundar o Parlamento do Hórreo de persoas que respondan ao mandato da xente. Toca mollarse, toca recuperar Galiza para a cidadanía.
Durante este tempo, diferentes procesos coincidimos en distintos espazos e falamos da necesidade de fornecer a nosa relación: coñecernos, falar, compartir ilusións e experiencias, e tamén implicarnos máis en procesos que vaian máis aló dos nosos concellos, dun xeito participativo e plural. Agora temos unha oportunidade perfecta: participar activamente na construción da confluencia e do liderado cidadán de cara ás vindeiras eleccións autonómicas.
Pensando en cal podería ser o xeito máis acaído de poñer a andar un proceso desas características, chegamos á conclusión de que podería ser unha boa idea convocar esta xuntanza para afondar no coñecemento mutuo, compartir opinións e explorar as vías de traballo polas que nos gustaría que transitara un proceso de acumulación de forzas con posibilidades de gañar as eleccións ao Parlamento de Galiza. Unha xornada que, dende a asemblea de Vilalba Aberta agardamos que sexa o comezo dun proceso que será longo en traballo pero probablemente curto en tempo, polo que temos que poñernos as baterías e mentalizarnos de que será un proceso esixente e duro, tanto como emocionante en base ao compartido obxectivo de construir entre tod@s un mapa dese desexo, cunha metodoloxía que favoreza a máxima inclusividade e a participación de todas as persoas en pe de igualdade.