Vilalba Aberta estará presente na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública este domingo en Compostela. Así o anunciou a número dous da nosa candidatura ás vindeiras Eleccións Municipais, Mª Xosé Fernández, quen animou á veciñanza a tomar parte dunha mobilización á que VA acudirá con pancarta propia e na que tamén estarán presentes a nosa número tres, Tamara Rodríguez, e a veciña de Román e número 16 da nosa lista, Yolanda Castro.
“Fixémolo en Vilalba e queremos facelo tamén en Santiago”, explicou Fernández, vinculando a manifestación convocada por VA diante do Centro de Saúde de Vilalba coa mobilización compostelá. Porque “transformar a indignación nun clamor social na defensa da atención primaria” segue a ser o obxectivo último da nosa formación.
“Hai que recuperar os servizos desmantelados, sendo pediatría prioritario en base ao número de familias usuarias e os vilalbeses non imos parar ata acadalo”, aseverou.
Porque a razón última deste novo paso adiante é, para Fernández, a “absoluta vergoña que representa o feito de que os dous cupos de pediatría estean sendo cubertos por médicos de familia no canto de por especialistas na materia e que, por se fora pouco, nas últimas semanas nin tan sequera se cubran as baixas destes últimos”.
Así, e ao tempo, dende VA denunciarase tamén o desmantelamento da atención especializada de xinecoloxía e reumatoloxía e o agravio que para Vilalba supón que dende hai tres anos haxa servizo de oculista.