Vilalba Aberta vén de dar un paso máis na súa aposta pola participación da xente na vida municipal, coa presentación da “Rede de Parroquias”. Unha estratexia que pretende trasladar a nosa dinámica de asembleas abertas ás diferentes parroquias e barrios do Concello, co fin de coñecermos de primeira man as súas necesidades e incorporalas á axenda política da corporación.
“Dende Vilalba Aberta queremos dar resposta ao que tantos veciños das parroquias nos dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral”, apuntaba esta mañá o noso voceiro, Modesto Renda.
Unha visión, compartida pola nosa compañeira e nova concelleira de Vilalba Aberta, María Xosé Fernández, quen contextualizou a iniciativa na necesidade de cumprir co compromiso adquirido coa veciñanza nas diferentes xuntanzas nas parroquias na campaña das Municipais. “A iso nos comprometemos e iso será o que faremos: Levar as nosas asembleas ás 29 parroquias do Concello de Vilalba.”
Esta mañá anunciouse ademais a que será a primeira cita desta “Rede de Parroquias”, fixada xa para este mércores día 6, ás 21.15h, na Escola Habanera de Santaballa, e á que se lle irán sumando cunha periodicidade mensual as destinadas ás restantes parroquias de Vilalba.
Estamos a falar de encontros abertos, aos que calquera persoa pode achegarse para trasladar as súas consultas e demandas. Ademais, e como é lóxico, contarán coa presenza dos concelleiros do Grupo Municipal e dos integrantes do Grupo de Coordinación de Vilalba Aberta.
É por isto que animamos á veciñanza das parroquias a participar, non sen antes trasladar o noso profundo agradecemento á directiva da Liga Santaballesa e á da Asoc. Agarimo, así coma ás das restantes AAVV das Parroquias confirmadas, por permitiren facer posibles uns encontros, a celebrar sempre nos diferentes locais sociais das asociacións.