O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha petición de comparecencia da Alcaldesa, Elba Veleiro, na súa condición de membro e representante do Concello no Padroado da Residencia de Maiores.
A dación de contas, solicitada de cara ao Pleno Ordinario de Maio, posibilitará que a veciñanza poida fiscalizar o sentido do seu voto e, en consecuencia, a responsabilidade da rexedora nas decisións do padroado; así como aclarar se a residencia de maiores de Vilalba, xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba (FHAV), recortou o seu persoal sanitario nos últimos meses.
En palabras do noso voceiro municipal, Modesto Renda, a solicitude de Vilalba Aberta chega logo de facerse públicas as denuncias de varios veciños/as usuarios en relación coas deficiencias na cobertura de persoal de enfermería. Así, e tal e como lembrou o edil, segundo datos da Consellería de Política Social, o centro vilalbés debería contar cun médico/a, sete enfermeiros/as e, ao menos, un/unha especialista en psicoloxía. Porén, lamentou, “segundo as denuncias das persoas usuarias, os residentes non contan con servizo de enfermería as 24 horas e iso é algo que como representantes dos vilalbeses/as temos a obriga de aclarar”.
Unha información, que para a nosa compañeira e membro da asemblea de Vilalba Aberta, María Pérez é “fundamental” en aras da “necesaria transparencia” e a fin de “clarificar tamén aspectos da xestión do centro en relación coa “situación de partida e actual dos/as residentes”; novas contratacións; situación laboral do persoal, cambios nas dinámicas de organización interna etc…
Así mesmo, Vilalba Aberta reclamará tamén da Alcaldesa toda a información ao seu dispor, ó respecto do total das inspeccións que se teñen feito no último ano e medio na residencia de persoas maiores, se nestas inspeccións se detectaron incumprimentos relacionados cos feitos denunciados e, en caso afirmativo, se se fixeron posteriores inspeccións para comprobar a súa debida corrección.