Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha reunión con varios veciños de Goiriz, o noso Grupo Municipal vén de anunciar o rexistro dunha nova iniciativa demandando o arranxo das pistas que comunican os barrios de Graduín e Fabás con Corbelle; o de Gomariz coas Touzas e o da Mámoa coa Abelaira, xa en Román.
Tal e como denunciou o noso voceiro municipal, Modesto Renda, os diferentes tramos, polos que “día a día pasan dende o servizo de transporte escolar ata residentes, gandeiros e veciños/as de parroquias veciñas”, atópase nun “estado límite de degradación e abandono”, polo que a solicitude de actuación exposta na proposición de VA redundaría nunha “evidente mellora da maltreita rede de comunicacións do rural vilalbés”.
Dende hai varios anos, estes veciños veñen reclamando do goberno do PSOE que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou Renda “ninguén os está a escoitar.”
Renda, que contextualizou a iniciativa como “a enésima chamada de atención ao goberno en relación co estado da rede viaria municipal”, lembroulle á Alcaldesa que o apoio ao rural demostrase “con feitos” e non con “palabras na campaña electoral”.
Así, e ao tempo que agradeceu a confianza de cada vez máis veciños/as no Grupo Municipal de Vilalba Aberta, volveu instar ao goberno á negociación dun Plan de Vías para parroquias, con vistas a mudar unha realidade que “debera avergoñarnos coma representantes dos vilalbeses/as.”
AS RECLAMACIÓNS DOS VECIÑOS/AS DO VILAR DE PÍGARA: PRIORIDADE PARA VA
Catro meses despois de levalas por primeira vez a Pleno, a formación municipalista volveu urxir á Alcaldesa a dar resposta ás demandas dos residentes do Vilar de Pígara (tamén en Goiríz), pola vía da renovación e mellora do camiño público que lle da acceso.
Coñecida como “Camiño de Pígara”, trátase dunha vía que, na actualidade, da servizo a unha decena de vivendas e a cuxo deterioro, cómpre sumarlle a ausencia de canalización, co que isto representa para veciños/as e residentes, nomeadamente, nos meses nos que as choivas adoitan ser máis intensas.
Renda, que volveu denunciar o feito de que “tiveran que ser os mesmos veciños/as os que, nos últimos anos, asumiran tanto o custo como os propios traballos de compactado de zahorra”, adiantou que Vilalba Aberta esixirá ao goberno a inclusión desta “máis que necesaria actuación” no reivindicado Plan Municipal.