Vilalba Aberta volve tomar a iniciativa. Logo de acadar un traballado acordo co goberno por valor de 900.000€ para a mellora da rede viaria en 21 parroquias, o noso Grupo Municipal vén de anunciar que levará a Pleno unha nova proposta de incorporación de crédito en beneficio daquelas que quedaron fóra.
Deste xeito, proporase a incorporación á anualidade 2022 (polo procedemento de modificación orzamentaria) dun fondo total estimado de 250.000€ co obxectivo de dotar de crédito á execución de diversos proxectos de obra en diferentes vías e accesos de titularidade municipal nas parroquias de Oleiros, Vilapedre, Noche, Belesar, Mourence e Boizán.
Tal e como explicou o noso voceiro, Modesto Renda, a iniciativa parte do “firme compromiso” de Vilalba Aberta cos veciños das parroquias que quedaron fóra do acordo entre VA e o goberno, así como cos de outras que, como é o caso de Vilapedre, “non contaron co investimento que o estado da súa rede viaria esixía”.
Así, e ao tempo que vinculou os “límites” do acordo co goberno ás “concesións que toda forza política ten que facer nun proceso de negociación”, Renda apelou ao factor “complementario e corrector” desta nova proposta, establecendo unha comparativa co acadado polo noso Grupo Municipal ao respecto das axudas a autónomos a finais do pasado ano. “Fixémolo cando logo de meses de traballo e de arrincamos do goberno as axudas a autónomos, arrincamos a posta en marcha dunha segunda liña para aqueles que quedaran fora. Fixémolo e volverémolo facer”, sentenciou.