Vilalba Aberta vén de facer pública a que será a súa cuarta iniciativa de cara a vindeira sesión ordinaria. Unha moción ao Pleno, coa que, apoiándose no establecido nos artigos 14 da CE e 4.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia, a pretendemos trasladar o marco de reivindicacións do colectivo LGTBI de vila e parroquias, a fin de que o Concello de Vilalba sexa un referente en materia de loita contra a discriminación e defensa da diversidade.
Unha base legal que, tal e como lembraba hoxe o noso voceiro, Modesto Renda, “bate coa realidade do día a día das persoas LGTBI – nomeadamente aquelas que desenvolven os seus proxectos de vida no rural – e que por desgraza, aínda a día de hoxe, se ven sometidas a diversos tipos de discriminación”.
“Persoas discriminadas e ata, nalgúns casos, humilladas, o que nos revela que a loita polos dereitos e o respecto á diversidade afectivo, sexual e de xénero é máis actual ca nunca.” Remarcou.
Na mesma liña se pronunciou a historiadora, activista LGTBI e membro da asemblea de Vilalba Aberta, Iria Currás, lembrando a obriga dos poderes públicos de “promover as condicións para que a liberdade e igualdade dos individuos e dos grupos nos que se integran sexan reais e efectivos”.
MEDIDAS CLARAS E DE COMPETENCIA NETAMENTE MUNICIPAL
A iniciativa, que ámbolos dous rexistraron no Concello acompañados por varios representantes do colectivo LGTBI de Vilalba, é, á súa vez, unha batería de oito medidas “de competencia netamente municipal” e entre as que destaca a proposta de creación do Consello de Liberdade Afectivo Sexual, como órgano de debate e proposta do colectivo LGTBI no Concello.
Outra das propostas clave, é a relativa ao selo dun convenio de colaboración coas diferentes entidades educativas do municipio, de cara á realización conxunta de campañas de sensibilización e informativas sobre diversidade sexual e de xénero e educación en igualdade, dirixidas tanto ao alumnado como ás diferentes asociacións de nais e pais.
No tocante á pedagoxía e concienciación, dende Vilalba Aberta tamén se incide na necesidade de pór en marcha unha xeira de campañas de formación interna dirixidas aos corpos de seguridade municipais, así como ao resto de funcionariado local que traballe en contacto coa veciñanza.
A este respecto, dende Vilalba Aberta inclúese a reivindicación dunha estreita colaboración coa Fundación Hospital Asilo, de cara á visibilización e non marxinación das persoas da terceira idade pertencentes ao colectivo.
O compromiso de cara a un contacto fluído e continuado dende o Concello co tecido asociativo LGTBI e a necesidade de incluír na Programación Cultural a necesaria visibilización e sensibilización en materia de diversidade, nomeadamente en cada unha das parroquias, completan o marco de acordos dunha moción, que se reforza coa reivindicación á Xunta de Galicia a fin de que desenvolva o establecido na Lei 2/2014 do 14 de Abril pola Igualdade de Trato e Non Discriminación de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais en Galicia e coa interpelación ao Goberno Central en base á urxente aprobación e resolución das coñecidas como “Lei Trans Estatal” e a “Lei de Igualdade e Non Discriminación LGTBIQ+”.