O Grupo Municipal de Vilalba Aberta volve tomar a iniciativa de cara á vindeira sesión ordinaria de Setembro. Faino desta volta, co obxectivo de que o equipo de goberno dea conta diante da veciñanza ao respecto dos criterios, actuacións e calendario dos traballos de roza e limpeza de beiravías e cunetas no conxunto da rede viaria de titularidade municipal. Así, o noso voceiro municipal, Modesto Renda, interpelará directamente á Alcaldía en relación cun novo asunto de fundamental importancia para os veciños/as das parroquias, no contexto dun Pleno que, cunha semana de retraso, se celebrará o vindeiro xoves primeiro de Outubro.
Censuramos a evidente falta de planificación en relación cunha serie de actuacións que, tal e como lembramos hoxe na presentación, normalmente se viñan desenvolvendo sempre nas mesmas datas, logo do período de crecemento da vexetación e antes da chegada das primeiras chuvias do outono, e cuxo deficiente resultado fixo que se intensificara o natural malestar no conxunto das parroquias.
“As labores de roza e limpeza viaria deberan responder a criterios obxectivos ben xustificados e, por suposto, circunscribirse sempre a un calendario e a unhas previsións claras e publicitadas”, apuntou un Modesto Renda, que lamentou especialmente que no Concello de Vilalba en ningún momento se fixeran públicas.
“A veciñanza descoñece a data aproximada na que a maquinaria vai actuar na súa contorna e cando actúa, o resultado e, nos mais dos casos, unha completa desfeita”, remarcou o noso voceiro en relación á necesidade de que o Goberno Municipal dea explicacións ao respecto.
Na mesma liña se pronunciou a nosa compañeira e tamén edil de Vilalba Aberta, Mº Xosé Fernández, lembrando que as actuais circunstancias derivadas da pandemia “en ningún caso poden xustificar a deficiente planificación e posterior resultado destes traballos”. Ademais, lembrou, “o feito de que este ano non se celebraran con normalidade as festas nas parroquias – unha prioridade para estas actuacións – non pode ser escusa para que se relaxe a organización duns labores que, cómpre non esquecelo, son tanto ou máis importantes en termos de seguridade viaria que en termos de simple mellora estética”, sentenciou.