Vilalba Aberta volve saír ao paso da situación laboral das traballadoras do servizo de limpeza en colexios e instalacións municipais. Logo de censurar a aposta do goberno do PSOE polo “mesmo modelo de xestión privada do PP”; o noso Grupo Municipal vén de rexistrar unha nova petición de comparecencia tanto da Alcaldesa como do edil de Servizos, aos que responsabilizan dos impagos posteriores (ata 6 meses nalgúns casos) ao vencemento do contrato.
Tal e como explicou o noso voceiro municipal, Modesto Renda, as traballadoras deste servizo, dependente da administración local, teñen “a día de hoxe e nalgúns casos, pendente de cobro ata nove meses de salarios da anterior adxudicataria. Unha problemática, lembrou, “denunciada diante do goberno polas mesmas traballadoras e por Vilalba Aberta xa en decembro do pasado ano.”
“A empresa acumulaba naquel intre tres meses de impagos; mais, de xeito totalmente incomprensible, un mes despois, en xaneiro de 2021 e xusto cando remataba a concesión, o goberno local non só non lle retirou o servizo, senón que lle permitiu seguir prestando o contrato, malia incumprir claramente o delimitado polos pregos”, denunciou.
Unha opinión, compartida pola nosa compañeira Mónica González, quen contextualizou a iniciativa de Vilalba Aberta na necesidade de que o goberno dea conta da “total ausencia de xestión”, en relación cun proceso de licitación – lembrou – “de cuxo remate dependía que a bola dos impagos non se fixera aínda máis grande, toda vez descartada a xestión pública.”
“Dende Vilalba Aberta non podemos máis que cualificar de abraiante falta de planificación dun Goberno Municipal, perfectamente coñecedor da situación límite das traballadoras, así como dos propios tempos da contrata”, censurou.
TOTAL FALTA DE INFORMACIÓN NA RECENTE ADXUDICACIÓN A TRAGSA E NOVA PROBLEMÁTICA AO RESPECTO DA SUBROGACIÓN
Tal e como apuntou Renda, Vilalba Aberta pedirá explicacións tamén, en relación coa non subrogación dunha das traballadoras pola nova adxudicataria, TRAGSA, e en base á que a CIG vén de esixir a inmediata actuación do Concello para regularizar a situación laboral neste servizo.
“Nin a oposición nin a veciñanza tivo as máis mínima información ao respecto da adxudicación a TRAGSA”, denunciou o noso edil, ao tempo que lembrou que a entrada desta empresa pública ten data de caducidade, por se tratar, de facto, “dunha administración saíndo ao rescate dun Concello en base á propia incapacidade do actual goberno e o anterior de asumir o fracaso da mesma xestión privada pola que seguen a apostar.”
APROBACIÓN DA NECESARIA R.P.T COA XESTIÓN PÚBLICA COMO PRIORIDADE
Dende Vilalba Aberta vémonos na obriga de saír ao paso da incomprensible aposta dun Goberno Municipal, que, ao tempo que se autoproclama progresista, persiste nunha modalidade de prestación pensada para beneficio dunhas concesionarias que, a pesares de recibir miles de euros dos vilalbeses/as, actúan sen ningún tipo de mecanismo de control municipal.
É por isto que volvemos facer fincapé, tamén, na pasividade e desidia municipal en relación coa necesaria aprobación dunha R.P.T (Relación de postos de traballo) para o Concello de Vilalba.
Un instrumento organizativo, que tal e como lembrou Renda “permite ás administracións estruturar o persoal ao seu cargo en función da necesidade dos servizos que teñan”, o que abriría a porta á prestación directa.
“O camiño privatizador inaugurado polo PP e continuado polo PSOE traduciuse e máis precariedade e menos dereitos para unhas traballadoras, verdadeiras garantes da calidade da prestación. Cómpre pór as bases para revertelo e neste senso nos volveremos pronunciar no Pleno”, declarou.