A escasos días da celebración do último Pleno Ordinario, Vilalba Aberta ven de anunciar unha nova iniciativa a defender xa na vindeira sesión de Xaneiro. Unha nova reivindicación veciñal, relativa neste caso ás deficiencias na iluminación das pistas de atletismo da Magdalena.
Á problemática, denunciada recentemente pola Escola de Triatlón de Vilalba, súmaselle a que ten que ver coa accesibilidade. Unha deficiencia engadida, que dende Vilalba Aberta exemplificamos na necesidade da pertinente solicitude da apertura dunha segunda porta, en tanto que a que os usuarios atopan día a día aberta non está habilitada para o paso de persoas dependentes.
A este respecto, cualificamos así mesmo de intolerable o feito de que o Alcalde incumprira o seu compromiso coa Escola diante dunha situación que hai exactamente 6 meses o rexedor definía de “terceiro mundista”
Neste senso a iniciativa, a fin dunha actuación áxil á par que integral por parte do Concello, diante dunha realidade que dende Vilalba Aberta vinculamos á máis completa desidia e indiferenza dun equipo de Goberno máis interesado na “política da foto” que na da solución das problemáticas que lle afectan ao conxunto da súa veciñanza.