“Un futuro en Vilalba para a veciñanza traballadora, a mocidade e a pequena e mediana empresa”. Así definiu Modesto Renda a campaña presentada este luns por Vilalba Aberta, a fin da necesaria ampliación do Polígono Industrial.
A iniciativa, que coexistirá nos vindeiros meses coa iniciada en Febreiro en contra dos recortes de servizos no Centro de Saúde, pretende proxectar diante da veciñanza o “compromiso inquebrantable” do noso Grupo Municipal coa ampliación do chan industrial, ademais de “exercer a necesaria presión política e veciñal” diante dos “cinco anos de completa parálise municipal ao respecto”.
20 EMPRESAS E ARREDOR DE 200 POSTOS DE TRABALLO PERDIDOS DENDE 2017
“Ao carón do Polígono hai 300.000m2 que, de poñerse a producir, resolverían os problemas do Concello para a captación de novas empresas e a ampliación das xa instaladas”, explicou un Renda que denunciou moi especialmente o feito de que, aínda que a documentación para a legalización do chan (modificación puntual das normas subsidiarias) “fora entregada xa en 2017”, no que vai de lexislatura “non houbo ningún avance.”
“Nos últimos anos deixamos pasar 20 empresas e un total aproximado de 200 postos de traballo. Non se pode consentir e tocaba dar unha resposta”, denunciou.
Ao tempo, dende Vilalba Aberta censurouse a “indecente especulación” das fases anteriores, facendo Renda especial fincapé na necesidade de “garantir a futura produtividade” e evitar a compravenda de parcelas que logo “non teñan actividade industrial nin comercial” ou que, segundo se acabe de construír unha nave, o propietario/a a alugue a terceiros, “sen que se poña en marcha ningún proxecto empresarial.”
PROPOSTAS COMPLEMENTARIAS PARA FAVORECER A CAPTACIÓN DE EMPRESAS
“Bonificacións fiscais para a contratación á pequena e mediana empresa”, así resumiu Renda a primeira das esixencias complementarias do noso Grupo Municipal ao goberno do PSOE en Vilalba. Unha medida fiscal nunca antes explorada no Concello vilalbés, mais, tal e como lembrou, “de contrastada eficacia á hora de fixar poboación en municipios rurais e semirrurais.”
Ademais, dende Vilalba Aberta recuperase para esta campaña unha reivindicación histórica do asociacionismo empresarial vilalbés, como é a negociación dun acceso directo do Polígono coa autovía do Cantábrico, co fin de darlle un mellor servizo e incentivar que cada vez máis empresas fixen o seu centro de produción aquí. “Vilalba atópase nunha inmellorable localización e hai que actuar nese sentido”, apuntou Renda.
A adhesión á iniciativa Concellos Emprendedores “Doing Business”, fundamental para captar investimentos e para que Vilalba estea mellor posicionada de cara a beneficiarse de moitas subvencións pecha o marco de reivindicacións expostas na nosa campaña. “O Concello debería comprometerse a aplicar incentivos fiscais, simplificar os trámites administrativos e facilitar acceso a solo industrial ás iniciativas empresariais interesadas, e é por isto que non podemos pospoñer a necesaria adhesión”, declarou Renda.