Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha visita a Sancovade, o noso Grupo Municipal vén de rexistrar unha nova iniciativa coa que pretende dar resposta ás demandas dos veciños/as, pola vía do arranxo do vial municipal coñecido como Pista de Barbeitas.
O tramo, que conecta o barrio do mesmo nome coa estrada de Baamonde, atópase nun estado evidente de degradación, polo que a solicitude de actuación exposta na proposición de Vilalba Aberta, redundaría nunha importante mellora da rede de comunicacións do rural vilalbés.
“Dende hai xa demasiado tempo, os veciños/as da zona veñen reclamando do goberno local que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou o noso voceiro, Modesto Renda, “ninguén os está a escoitar.”
Xunto a Renda, á zona desprazouse tamén o veciño de Sancovade e responsable de Medio Rural na Coordinadora de Vilalba Aberta, Luís Barrio, quen fixo referencia ao “limitado da inversión” e o “baixo custe” que, para as arcas municipais, suporían os traballos de rebacheo.
Así, e ao tempo que agradeceron a confianza dos veciños/as no Grupo Municipal de Vilalba Aberta, ámbolos dous apelaron ó consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a atender esta nova reivindicación veciñal “de xeito inmediato”