Vilalba Aberta pasou dos 983 votos de 2019 aos 1.599 (+616 fronte aos +424 do PP) neste 28M. A formación municipalista quedou a tan só 560 votos do PSOE (superándoo en varias mesas do casco urbano) e foi decisiva para evitar a maioría absoluta do PP.
O PP volveu ser o máis votado; pero sen a maioría absoluta na corporación municipal. Diante ese novo escenario que abriron os resultados electorais, só pode evitar un goberno do PP (8 edís) un tripartito formado polo PSOE (5 edís tras perder 3), Vilalba Aberta (que alcanza os 3, tras gañar un) e o BNG con un representante.
MODESTO RENDA “O CONCELLO PRECISA DUN NOVO LIDERADO NA ALCALDÍA”.
O candidato de Vilalba Aberta Modesto Renda, declarou que “o Concello necesita un novo liderado na alcaldía, que sexa a alternativa ao PP”. “Os veciños falaron claro e castigaron de forma maioritaria nas urnas ao goberno do Partido Socialista e, de forma concreta, á alcaldesa, Elba Veleiro”, asegura, tras destacar que o PSOE perdeu 1.574 votos”.
Hai catro anos, os veciños votaron cambio e un entendemento entre diferentes, pero foron a alcaldesa e o Partido Socialista os que non souberon ler eses resultados”, dixo á prensa Renda, quen tamén lembrou que Vilalba Aberta exerceu no último mandato unha “oposición seria, responsable e positiva”. Un traballo que, ao seu xuízo, permitiulle ser a “formación política que máis creceu en apoio“. “Obtivemos o case o 20%, a só 560 votos do Partido Socialista e fomos absolutamente decisivos para evitar a maioría do Partido Popular”, insistiu.
Por iso, aínda que está todo por decidir, Modesto Renda afirmou que “se necesita un tempo novo”. “Unha nova formación política e un novo liderado na Alcaldía que sexa a alternativa ao PP”. “A señora Veleiro e o Partido Socialista non poden selo despois de perder 1.500 votos”, resolveu.