Vilalba Aberta vén de anunciar que levará ao vindeiro Pleno Ordinario a problemática relativa ao deplorable estado co que a auga da traída volve chegar a determinadas rúas de Vilalba. Un asunto, que cualificamos de estrutural, pois non é esta a primeira vez que na Avenida Terra Chá, na Rúa do Muiño ou en Plácido Peña, entre outras, a veciñanza se ve na obriga de acudir ao supermercado, en tanto que a auga sae completamente turbia.
É por isto que, máis alá da lóxica crítica política, o noso voceiro municipal, Modesto Renda, vén de facer público que esixirá a remisión das analíticas do mes de agosto ao completo, así como un informe dos sistemas de filtrado e potabilización.
“O ciclo da auga en Vilalba non é acorde ás necesidades da veciñanza e as pésimas condicións do abastecemento, súmanse ao mal funcionamento da depuradora, namentres o equipo de goberno segue sen ofrecer solucións do mesmo xeito que acontecía cos gobernos do Partido Popular en pasadas lexislaturas”, explicou.
Na mesma liña, Renda quixo facer patente a súa indignación logo de coñecer de primeira man o relato dalgunhas das familias e negocios afectados: “Non se pode consentir que veciños de Vilalba se vexan na necesidade de elixir entre comprar garrafas para cociñar e lavarse, ou facelo na mesma auga turbia que, iso si, lles cobrarán igualmente a prezo de auga limpa”.
Neste senso, ademais de esixir garantías no relativo á salubridade dos depósitos, Vilalba Aberta defenderá a creación dun fondo de compensación municipal, co fin de subvencionar o cobro dos recibos dos veciños afectados “toda vez que, se non se actúa, o problema volvera a repetirse.
Unha opinión, compartida pola nosa compañeira, a tamén concelleira, Mª Xosé Fernández, que censurou unha situación “insostible” pois, “ademais da cor marrón, a auga presentaba un forte cheiro o que, con razón, levantou de novo as críticas duns veciños/as fartos dunha situación que se repite cada vez que chove máis do normal.”
É por isto que urxiremos, así mesmo, ao Goberno en minoría do PSOE en Vilalba a previr que as accións curtoprazistas de última hora, ou o que é peor, a inacción política no eido medio ambiental e de sustentabilidade, remate por prolongar toda a lexislatura a situación.