O pasado venres día 11 de Setembro tivo lugar o primeiro Pleno Extraordinario a petición, nesta ocasión, do Grupo Municipal Socialista e que contou coa seguinte orde do día:
1) Acordo plenario para a regulación do aparcadoiro de grandes vehículos na contorna do Centro de Saúde durante as festas patronais.
2) Acordo plenario ó respecto da defensa do sector lácteo galego.
3) Acordo plenario ó respecto da regulación catastral.
4) Acordo plenario para a modificación da ordenanza municipal reguladora do Imposto de Bens Inmobles.
No primeiro , relativo ao aparcamento durante as festas de vehículos pesados arredor do Centro de Saúde; o voto de Vilalba Aberta foi favorable, entendendo que o propio Grupo Municipal Socialista, en tanto que grupo municipal propoñente, recoñeceu tanto na comisión informativa que prececedía á celebración deste Pleno Extraordinario coma ao logo da súa exposición no mesmo que o equipo de goberno xa recollera dita reivindicación durante a celebración das últimas Festas Patronais.
Pero para a asemblea de Vilalba Aberta, tan importante é a seguridade dos nosos veciños e veciñas así coma das xentes que se achegan á vila durante a celebración das nosas Festas Patronais coma a seguridade dos nosos veciños e veciñas e das xentes que se achegan á vila durante o resto do ano; polo que, sen que esta cuestión condicionara o noso voto favorable á proposta de acordo plenario, non quixemos deixar pasar a oportunidade para denunciar ao igual que xa fixeramos tanto durante a campaña coma no noso programa electoral a situación que, nalgunhas das principais rúas da vila como é o caso da rúa Castelao, a rúa de Mondoñedo, a rúa Cidade de Lugo e na propia contorna do Centro de Saúde, se está a producir derivada da presenza de vehiculos que sobresaen da zona sinalizada como de aparcamento ao carón das beirarúas, invadindo a estrada.
Neste sentido, quixemos chamar ao apopio da oposición e á vinculación do goberno municipal a fin de se sentar a debatir con nós e cos axentes afectados na procura dunha solución a dita problemática que dende fai tempo está a comprometer xa non só e como antes aputabamos a seguridade dos vilalbeses e das vilalbesas senón tamén a propia salubridade veciñal, cando nos referimos aos vehículos pertencentes á empresa adxudicataria do servizo de recollida do lixo no noso Concello.
No tocante ao segundo punto, o debate tórnase estéril cando á búsqueda dunha posición común por parte da corporación con respecto á defensa do noso Sector Lácteo nos referimos; máis dende Vilalba Aberta quixemos, sen que de novo isto condicionara o noso voto afirmativo, facer fincapé no feito do imposible resultante da defensa dos nosos productores e productoras ao tempo que dende as institucións europeas, estatais e autonómicas se lexisla na súa contra e en favor dos intereses da industria e as grandes corporacións así coma se profundiza pola vía da deixadez e o desgoberno na inxustiza derivada do prezo que os nosos productores e productoras perciben por litro de leite con respecto doutras zonas no conxunto do Estado e en non poucas ocasións, e tal e como está a acontecer coa multinacional Lactalis , por parte dunha mesma empresa.
Con respecto aos puntos terceiro e cuarto de acordo plenario ao respecto da regulación catastral e para a modificación da ordenanza municipal reguladora do Imposto de Bens Inmobles, a nosa resposta foi afirmativa no primeiro e a abstención no segundo xa que se ben no primeiro, e tras valorar e rexeitar na nosa última asemblea a posibilidade de que xustamente diante da dramática situación pola que está a pasar o sector leiteiro condicionar o noso voto favorable a que fora recollida a petición de que o Concello deixara sen efecto as taxas de regularización catastral nas obras agrarias que estean acollidas ao proceso de regularización acometido en aplicación da disposición transitoria 11ª da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia; no segundo si consideramos imprescindible a contratación eventual dunha persoa do noso concello a fin da apertura dun servizo extraordinario de información á cidadanía no concello con este tema para que, quen queira, poida informarse de como lle afecta ás súas propiedades a revisión catastral a fin de evitar derivacións a oficinas de información privadas, algunhas delas con coñecidos vínculos co Partido Popular no noso Concello.
Se tedes algunha dúbida sobre calquera aspecto relativo ao pleno ou á nosa labor no Concello non dubides en contactar con nós ben sexa a través da nosa dirección de correo: vilalbaberta@gmail.com, acudindo ás nosas asembleas ou premendo no enlace “Concelleiros” que podededes atopar na marxe superior dereita deste sitio web se queredes facelo directamente co noso compañeiro Modesto.