Consideramos unha vergoña que, a menos dunha semana, non dispoñamos aínda da documentación e non se abra un período de emendas á proposta do Goberno Municipal, tal e como acontece noutros Concellos.
Dende as nosas canles de comunicación xa se está a falar da planificación de accións coincidido coa celebración da sesión extraordinaria.
O conxunto da nosa asemblea recibiu está mañá con perplexidade e indignación a notificación que ao noso concelleiro, Modesto Renda, se lle fixo chegar convocándoo á Comisión de Asuntos do Pleno previa á celebración dun Pleno Extraordinario de aprobación dos Orzamentos Municipais.
Os homes e mulleres que nos organizamos en torno á asemblea de Vilalba Aberta e que durante a campaña fixemos bandeira do modelo de Orzamentos Participativos, unha ferramenta mediante a cal son os propios veciños/as os que deciden sobre o destino dos recursos municipais, non saímos do noso asombro co feito de que o Goberno Municipal nin tan sequera abra un procedemento de presentación de emendas tal e como acontece na maioría de Concellos dun volume de poboación similar ao de Vilalba.
Este procedemento, permitiría que, a través das nosas asembleas, o conxunto dos veciños e veciñas puideran decidir sobre as emendas e a postura de Vilalba Aberta en dita sesión. Un precedente que suporía un verdadeiro cambio nun Concello coma o noso, onde este tipo de iniciativas non forman parte da metodoloxía a seguir, pois tal e como nos trasladaron os funcionarios/as municipais, non se acostuman a presentar emendas nin matizacións ao documento marco presentado polo Alcalde.
Ao longo dos case 11 meses que seguiron á celebración das municipais, Vilalba Aberta mantívose ao marxe de calquera tipo de victimismo fronte ás reiteradas faltas de respecto que o Goberno Municipal tivo co conxunto da oposición e a nosa formación en particular; mais coma representantes de 646 veciños e veciñas non podemos consentir un escándalo coma este diante do que debería ser un procedemento exemplar como é o da aprobación duns Orzamentos Municipais.
Neste sentido, dende as nosas canles de comunicación xa se está a falar de accións coincidindo coa celebración da sesión extraordinaria, ademais de chamar á mobilización dos veciños/as ese mesmo día diante do que entendemos coma un ataque á soberanía municipal e ao dereito dos veciños e as veciñas de estar informados puntualmente do que se fai co seu diñeiro.