A situación da muller no noso Concello é de especial dificultade sobre todo no noso rural, onde as desigualdades por razóns de xénero no ámbito do emprego, das distribucións dos tempos e dos coidados así coma na participación social, se ven agravadas polo illamento e o difícil acceso as novas tecnoloxías.
É sobre todo en tempos de crise coma os que estamos a vivir, cando máis se acentúa a división sexual do traballo, levando a muller cara os labores domésticos, aos sectores produtivos feminizados ou, na maioría dos casos, forzándoas a compatibilizar ámbalas dúas tarefas. Nun contexto onde o minifundismo está moi presente, a muller rural adícase principalmente ao autoabastecemento, atopándose ademais na obriga de desempeñar os labores do agro, o que a sitúa nunha situación de sobre esforzo con xornadas laborais interminables.
Nesta situación de dificultade, e ao igual que acontece coas mulleres no ámbito urbano, a muller rural vese indefensa ante o crecente rebrote das políticas patriarcais que recortan nos seus dereitos, tanto a nivel reprodutivo (aborto, saúde sexual…) coma no acceso ao emprego; véndose reflectido este segundo punto no desmantelamento dos nosos servizos públicos obrigando ás mulleres a permanecer no seu fogar para desempeñar o traballo non remunerado e pouco valorado do coidado dos seus maiores e dos nenos.
Son neste contexto máis necesarias ca nunca dende o municipalismo, propostas institucionais e de participación social das mulleres tales como a promoción e a potenciación das Concellarías de Igualdade, con persoal específico e coa suficiente dotación presupostaria. Unha concellaría que non só teña o obxectivo de realizar políticas específicas dirixidas a mulleres, senón tamén, de propoñer e coordinar as políticas transversais realizadas dende outras áreas do concello ademáis de actuar coma instrumento para afondar na participación e corresponsabilidade das organizacións de mulleres na política municipal, trasladando así a visión de xénero ao conxunto das actuacións públicas.