O voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, saíu esta mañá ao paso do próximo vencemento do contrato do servizo de limpeza en colexios e instalacións municipais. E fíxoo para desmarcarse claramente do que definiu de “camiño privatizador” inaugurado polo PP e continuado polo PSOE na presente lexislatura.
Renda, que responsabilizou por igual aos gobernos de Veleiro, Criado e Baamonde das problemáticas de tipo laboral e de xestión que afectaron ao servizo, vinculou a privatización coa precariedade duns traballadores e traballadoras, aos que definiu como “verdadeiros/as garantes da prestación”.
“Dende o grupo municipal de VA non podemos máis que censurar a aposta do goberno do PSOE polo mesmo modelo de xestión privada do PP.” Dous partidos – censurou – que “fan coma que pelexan moito” pero que comparten “folla de ruta e responsabilidade” diante dunha problemática denunciada por VA en ata tres ocasións no que vai de lexislatura.
Así,noso o voceiro lembroulle á Alcaldesa que, a unha empresa que acumulaba xa tres meses de impagos, o goberno non só non lle retirou o servizo, senón que lle permitiu seguir prestándoo, malia incumprir claramente os pregos. “As traballadoras lémbrano, nós lembrámolo, e deses polvos estes lodos”, denunciou.
DA “SOLUCIÓN TRAGSA” Á REMUNICIPALIZACIÓN, PREVIA APROBACIÓN DA R.P.T.
Tal e como explicou Renda, no mes de xullo do pasado ano, o Concello subscribiu coa Deputación un convenio en virtude do cal a empresa pública TRAGSA pasaba a facerse cargo do servizo. O goberno acudía a tal procedemento como consecuencia da situación provocada pola creba da anterior empresa concesionaria e fixábase a duración do contrato en seis meses, prorrogables a outros seis. Así, vencido o primeiro prazo e a posterior prórroga, o contrato rematará o vindeiro 7 de Xullo.
Unha solución de urxencia que, en palabras de Renda, non é máis que a “constatación do vergoñento retrato dunha empresa pública, que ten que saír ao rescate dun concello, en base á propia incapacidade do actual goberno e o anterior de asumir o fracaso da mesma xestión privada pola que seguen a apostar”, censurou.
É por isto que, diante da “incomprensible aposta” dun Goberno Municipal, que, ao tempo que se autoproclama progresista, persiste nunha modalidade de prestación pensada para beneficio dunhas concesionarias que actúan sen ningún tipo de mecanismo de control municipal, VA volve emerxer como alternativa ao bipartidismo vilalbés, vinculando o acontecido á aprobación da necesaria R.P.T (Relación de Postos de Traballo) coa xestión pública como prioridade.
Porque a R.P.T é, en última instancia, un instrumento organizativo que permite ás administracións estruturar o persoal ao seu cargo en función da necesidade dos servizos que teñan o que, tal e como explicou Renda, abriría a porta á prestación directa de servizos de baixo volume de contratación que, como o de limpeza en colexios e instalacións municipais, se poderían asumir por parte do Concello sen que as limitacións derivadas da coñecida como Lei Montoro condicionaran a estabilidade económica da nosa administración local.