Dende o seu nacemento coma formación política municipal, Vilalba Aberta comprometeuse publicamente en varias ocasións coa necesidade de peonalizar a Praza de Santa María. Un espazo ao que cualificamos de “Parking“, na liña do que moitos veciños/as consideran, ao estar actualmente ateigada de coches a praza máis fermosa de Vilalba, situada no corazón do casco histórico, a unha carreiriña de can da Torre do Castelo.
Velaí que pensamos nun Concurso Fotográfico. Unha convocatoria aberta que, baixo o satírico título de Safari Fotográfico Express, visibilizará nas redes sociais a falla de humanización dun espazo no que, un día si e outro tamén, os coches son os auténticos donos.
BASES, CONDICIÓNS E PREMIOS
1. Poderán participar todas as persoas que o desexen; no caso de seren menor de 16 anos, cómpre autorización paterna.
2. O prazo comezará o martes 20 de setembro de 2022 e durará exactamente unha semana.
3. Cada participante poderá presentar o número de fotos que desexe; cadaquén decidirá libremente se decide presentar fotos reais ou ben con máis creatividade (figurando nelas os obxectos que estime axeitados).
4. A presentación das fotos debe facerse de xeito virtual, enviándoas á dirección de correo vilalbaberta@gmail.com
5. Por respecto do dereito de privacidade, non se aceptarán fotos nas que se recoñezan persoas ou a matrícula dos coches (deberá pixelarse esta ou fotografar só a parte do coche por riba da matrícula).
6. Haberá 3 premios con produtos elaborados no Concello de Vilalba.
- 1º Premio: Un queixo de San Simón (aproximadamente un quilo), un Roscón de Vilalba e diploma acreditativo.
- 2º Premio: Un queixo de San Simón (aproximadamente un quilo) e diploma acreditativo.
- 3º Premio: Un Roscón de Vilalba e diploma acreditativo.
7. A asignación de premios farase segundo a suma do número de “gústame” de cada fotografía nas redes sociais Facebook e Instagram, de xeito que a que teña máis levará o primeiro premio, a que lle siga o segundo premio e a seguinte, o terceiro.