Vilalba Aberta segue a facer presión ao respecto da necesidade de reverter os recortes de servizos no Centro de Saúde. Logo de sacar adiante unha iniciativa no Pleno que, a pesares do voto en contra do PP, resultou na incorporación de dous novos facultativos; o noso Grupo Municipal vén de anunciar que levará a pleno unha nova proposta á Xunta, a fin da recuperación dos servizos desmantelados.
Así, o noso voceiro municipal, Modesto Renda, defenderá diante do Pleno a recuperación de catro servizos fundamentais, sendo o de pediatría o prioritario en base ao número de familias usuarias.
“Dende VA trataremos de convencer a PP e a PSOE locais da absoluta vergoña que representa o feito de que os dous cupos de pediatría estean sendo cubertos por médicos de familia, no canto de por especialistas na materia como acontece en todos os Centros de Saúde”, explicou Renda. Así, e ao tempo se comprometeu coa necesidade de reverter, tamén, o desmantelamento da atención especializada de oftalmoloxía e reumatoloxía, o edil de VA denunciou vehementemente que “dende hai tres anos non teñamos servizo de oculista.”
Unha opinión compartida pola nosa vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, quen asegurou que VA trasladará a problemática ao Pleno “con rigor, seriedade e datos”.
“Non pode ser que o investimento en Atención Primaria sexa aínda máis baixo que no ano 2020 (2 millóns de euros menos) e tampouco que esteamos á cola de todo o Estado (tan só o 12% do orzamento) máis de dous puntos menos que a media, e moi lonxe do 25% que aconsellan todos os estudos. Non pode ser, e dende VA traballaremos para revertelo”, declarou.