O Grupo Municipal de Vilalba Aberta denunciou este venres o dispendio de fondos públicos en publicidade por parte do equipo de goberno do PSOE no Concello de Vilalba.
Unha crítica, que tal e como anunciou o noso voceiro municipal, Modesto Renda, terá a súa continuación no vindeiro Pleno Ordinario, pola vía dunha petición de comparecencia da Alcaldesa, coa que arroxar transparencia diante da veciñanza ao respecto da cuantificación do total do gasto.
“O Grupo Municipal Socialista está a utilizar a súa condición goberno en minoría para facer propaganda de partido co diñeiro dos veciños e veciñas” lamentou un Modesto Renda que, se ben, deixou claro que este tipo de estratexias son sempre censurables “e así o manifestamos cando compartiamos goberno”, remarcou que nun contexto de crise económica como o actual resulta “directamente inaceptable”.
Na súa opinión, este tipo de campañas deberían sufragarse co diñeiro que o PSOE, do mesmo xeito que as restantes formacións políticas, recibe mensualmente, en base ao número de representantes que teñen na corporación; mais “nunca con diñeiro provinte dos impostos dos vilalbeses e das vilalbesas“, explicou.
Na mesma liña se manifestou a nosa compañeira e vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, cualificando a actuación do equipo de goberno de “provocación” nun momento no que “autónomos e Pemes están a pedir a berros a posta en marcha do programa municipal de axudas directas, aprobado no Pleno Ordinario de Xullo, a iniciativa de Vilalba Aberta.”
“Seguimos á espera de que o Goberno presente o borrador duns Orzamentos que, se dependen de VA, suporán o fin deste tipo de dispendios, en beneficio de autónomos, familias e parroquias do Concello de Vilalba”, sentenciou.