Vilalba Aberta anunciou hoxe unha nova iniciativa coa que pretende facer súas as demandas da directiva do Vilalba Fútbol Sala. A proposta, que ten por obxectivo acadar o consenso da corporación a fin de que o Concello reforce o seu apoio económico e institucional ao club, nace froito da necesidade de impulsar o que o noso voceiro Modesto Renda cualificou de “meteórico crecemento a nivel formativo, competitivo e de valores”.
Tal e como explicou Renda, na actualidade, o club conta con equipos senior masculinos, femininos e de base e tamén se ocupa de impartir esta modalidade nas categorías de alevín, infantil e cadete nas Escolas Deportivas Municipais.
“Debido ao gran aumento de nenas e nenos en Vilalba que apostan pola práctica do fútbol sala como primeira actividade deportiva, estamos obrigados a dispoñer de máis equipos, adestradores e en definitiva máis recursos para aspirar a ter unha formación de xogadoras e xogadores o máis ampla posible”, apuntou Renda.
Así e ao tempo que puxo en valor a aposta da directiva polo crecemento sostido e dende a base, o voceiro de VA lembroulle á Alcaldesa os seus compromisos co equipo senior que logrou o ascenso á Segunda División B. Un fito que, xunto coa tempada do feminino, definiu de “histórico” e que, a ollos do noso Grupo Municipal, esixe dunha resposta á altura do Concello como institución.
Neste senso se pronunciará en sesión plenaria, instando á Alcaldesa a negociar o necesario incremento da subvención nominativa que percibe o Vilalba F.S.