Logo da presentación do noso Programa Económico ao completo, vimos de facer pública a primeira das medidas que darán forma ao noso Programa Electoral das Parroquias.
A proposta, relativa á creación dun fondo de compensación municipal complementario ás axudas da Xunta por danos de lobo e xabaril nos cultivos e no gando, chega logo dun traballo continuado ao longo da lexislatura que remata, en defensa dos veciños/as afectados por ataques de lobo, así coma diante doutra das problemáticas máis estendidas nas parroquias, isto é: a derivada da explosión demográfica do xabaril.
“Tanto a liña de axudas por danos como a liña destinada á prevención, están a provocar un importante estado de indignación entre os gandeiros/as e agricultores das parroquias.” Declarou na mañá de hoxe á prensa o noso Candidato á Alcaldía, Modesto Renda.
A este respecto e en base ao insuficiente o límite de 1.650€ de indemnización máxima e ás cortinas de fume da Xunta para non valorar con seriedade os danos, incluíndo o lucro cesante; Vilalba Aberta propón a delimitación dun fondo municipal de reserva que percibirá, con carácter anual, o 0,3€ do total Orzamentario (arredor de 36.000€).
Na mesma liña, e tal e como especificamos no programa, a percepción dunha axuda procedente do fondo municipal, estará vencellada á percepción dunha orde de axuda da Xunta e a cantidade de indemnización representará, no primeiro ano de funcionamento, o 50% do delimitado no baremo para o pagamento preestablecido pola Xunta.
Así, e tal e como explicou Modesto Renda, “se un gandeiro percibe unha compensación de 658€ por un becerro de raza rubia galega ou 73€ por un cabrito de entre 6 e 12 meses, o fondo de compensación municipal reforzará as indemnizacións con 329 € máis polo becerro e 36,5 € máis polo cabrito.”
TRABALLAR MAN A MAN COS ALCALDES DOS OUTROS CONCELLOS AFECTADOS
A inmediata incorporación do Concello de Vilalba á fronte común de Alcaldes dos Concellos afectados, co fin de esixir da Xunta que asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado, será outra das nosas primeiras actuacións municipais.
Dende Vilalba Aberta non podemos comprender como na última lexislatura o Alcalde non fixera absolutamente nada, a pesares de ser perfectamente coñecedor da situación e de compartir militancia política cos responsables da Consellería. Pero especialmente incomprensible resultou que, o rexedor, non estivera presente na xuntanza dos Alcaldes de Xermade, Muras, Ourol, O Valadouro e Abadín e que se concretou nunha proposta en firme diante da devandita administración competente.
Na mesma liña, e ademais de demandarmos da Xunta de Galicia que asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe (un posicionamento, defendido, ademais de polos produtores, por unha boa parte do sindicalismo agrario galego e referenciado neste caso pola recente denuncia do SLG á Valedora do Pobo), Vilalba Aberta vinculará a presenza do Concello de Vilalba na fronte común de Alcaldes á necesidade de presionar e demandar, tamén, da Xunta de Galicia a reelaboración das ordes tanto de prevención como de axudas aos danos provocados por ataques de lobo e xabaril.
A este respecto, facemos referencia á necesidade de retirar a inclusión de requisitos tales coma a obriga de comunicar os ataques nun prazo máximo de 72 horas; á problemática engadida para os gandeiros/as que supón a actual pésima asistencia telefónica, así coma o feito de de ter que dar unha interminable listaxe de datos e ter que volver repetilos cada vez que se produce un novo incidente na mesma finca ou explotación; á necesidade de incluír as explotacións de horta profesionais e que non están cubertas porque as ordes inclúen como requisito que reciban axudas da PAC e este tipo de actividade queda excluída deses fondos; e ao fin á arbitrariedade dos cultivos que poden ser indemnizados.
HAI MOITO QUE TRABALLAR NAS PARROQUIAS, ESTAMOS ABANDOADOS E SO SE VEN CANDO AS ELECCIONES, ÁNIMO E A TRABALLAR.