Vilalba Aberta segue a facer presión ao respecto da necesidade de reverter os recortes no Centro de Saúde. Logo de sacarmos adiante varias iniciativas no Pleno en relación coa insostible situación da atención primaria no municipio, vimos de anunciar a convocatoria dunha acción de protesta en contra do desmantelamento do servizo de pediatría e na defensa da sanidade pública para todos os vilalbeses/as.
Fixada para o sábado 21 – 12:00h – diante do Centro de Saúde, o obxectivo de VA é, en palabras de Modesto Renda, “transformar a indignación nun clamor veciñal na defensa da atención primaria” e pola “recuperación dos servizos desmantelados, sendo pediatría prioritario en base ao número de familias usuarias.”
Porque a razón última deste novo paso adiante é, para Renda, a “absoluta vergoña que representa o feito de que os dous cupos de pediatría estean sendo cubertos por médicos de familia no canto de por especialistas na materia e que, por se fora pouco, nas últimas semanas nin tan sequera se cubran as baixas destes últimos”.
Así, e ao tempo, na mobilización organizada por VA denunciarase tamén o desmantelamento da atención especializada de reumatoloxía e o agravio que para Vilalba supón que dende hai tres anos haxa servizo de oculista.