Vilalba Aberta segue volcada na súa iniciativa “Rede de Parroquias”. Retomada hai dous meses logo de aprazarse pola Covid19, trátase dunha serie de encontros “parroquia a parroquia” deseñados co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza do rural e incorporalas, logo, á axenda política da corporación.
Así, e despois das oito primeiras de Santaballa e Nete, Ladra, Oleiros, Carballido e Corbelle, Belesar e San Simón, VA chega a Lanzós co fin de celebrar a novena parada da súa concorrida xeira.
Á xuntanza, fixada para este venres día 13, ás 20:30h, na Casa Escola da parroquia, seguiranlle outras dúas, apalabradas xa, a celebrar entre este mes e o vindeiro.
COMPROMISO ELECTORAL
“Dende Vilalba Aberta queremos dar resposta ao que tantos veciños das parroquias nos dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral”, apuntou Modesto Renda.
O voceiro de VA puxo en valor “a predisposición e iniciativa da veciñanza das parroquias que os contactaron, así coma o imprescindible de facer política “escoitando aos veciños das parroquias” e lembrou que “estes son sempre os máis damnificados polo conxunto dunhas administracións, lembremos, chamadas a velar polos seus intereses do mesmo xeito que o fan polos veciños/as do casco urbano”.
É por isto que animou á veciñanza de Lanzós a participar, achegándose este venres á Casa Escola da parroquia. Así mesmo, Renda non quixo deixar pasar a oportunidade para trasladar o seu “profundo agradecemento á directiva da Asociación de Veciños de Lanzós” por permitir facer posible este novo encontro.