Vilalba Aberta segue presentar programa, abordando agora o relativo ao control de gasto e rexeneración. Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, o noso Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, situou a necesidade de “levantar as alfombras do Concello, pola vía dunha profunda rexeneración política e do inmediato fin do despilfarro”, coma unha das súas prioridades, de encabezar o vindeiro Goberno Municipal.
“Política de gasto austera e racional e máxima prioridade orzamentaria para a primeira fase do Centro de Día.” Así resumimos diante da prensa a nosa última medida, lembrando o intolerable de que as familias vilalbesas teñan que acudir aos servizos deste tipo de instalacións en localidades como Abadín, Cospeito ou Begonte.
“A posta en marcha dun Centro de Día de xestión e titularidade públicas, aliviaría a crecente demanda, mais isto require de investimentos no curto prazo que non poden demorarse para así poñer a primeira pedra para dotar ao noso Concello dos recursos necesarios para atender ás necesidades das persoas maiores e das súas familias”, apuntou a este respecto a número 2 da nosa candidatura, María Xosé Fernández.
Neste senso, a auditoría externa das contas municipais “para tomar canto antes o control real sobre o gasto”, que figurará no noso Programa. “A nosa primeira actuación municipal será dar luz verde ao procedemento de licitación para encargar a unha empresa externa o servizo de análise das contas, entendida coma unha actuación de reforzo e colaboración á Intervención Municipal.” Remarcou Modesto Renda.
“Unhas contas municipais – continuou – levantadas, única e exclusivamente, grazas ao sacrificio duns vilalbeses/as bombardeados a golpe de taxas e a catastrazos, ao tempo que nin o primeiro membro do Goberno se apertou o propio cinto para reverter unha situación, lembremos, provocada pola xestión irresponsable de 40 anos de mandato do Partido Popular.”
Tal e como explicamos na rolda de prensa, a medida ten un dobre obxectivo técnico (axudar á Intervención e mellorar o seu control) e político (aumentar a transparencia da institución), que pretendemos levar a cabo en tres fases diferenciadas: Unha primeira dedicada ao control permanente das contas; unha segunda baseada en auditorías públicas de cumprimento sobre entes dependentes non administrativos; e unha última auditoría pública de cumprimentos sobre actos, operacións e procedementos de determinados contratos municipais.
A proposta, apóiase no Real Decreto 424/2017 que regula o réxime xurídico de control interno das entidades do Sector Público Local, e que outorga ao Interventor/a municipal novos recursos para levar o control das finanzas municipais, máis alá dos gastos e ingresos do Consistorio, alcanzando agora ao control de procedementos e contratos.
AUDITORÍA EXTERNA, TAMÉN PARA AS CONCESIÓNS DE SERVIZOS
O programa de Vilalba Aberta recollerá, ademais, a inmediata posta en marcha dunha auditoría externa e a correcta fiscalización das concesións de Servizos Públicos Municipais. “A veciñanza ten dereito a saber en que se ten invertido o seu diñeiro nestes anos, pero tamén a saber en que situación se atopan os servizos públicos municipais que paga.” Apuntou a este respecto Modesto Renda.
“A correcta fiscalización, así coma o necesario endurecemento do control ás empresas contratadas para prestación de servizos mediante a revisión das cláusulas de contratación e prestación é, a este respecto, unha obriga municipal; e non nos tremerá o pulso á hora de abordar a resolución daquelas concesións nas que existan ou a auditoría arroxe incumprimentos.” Sentenciou.
REDUCIÓN DUN 50% DOS GASTOS DE GOBERNO
A redución dun 50% no custo do Goberno Municipal e o límite salarial de 1816,7€ netos en 14 pagas (2,7 SMI) para as dedicacións exclusivas (Alcaldía incluída) e 1 SMI (817,3€ mensuais netos en 14 pagas) para as parciais, é outro dos compromisos fundamentais de Vilalba Aberta, de cara á posibilidade de encabezar o vindeiro Goberno Municipal.
“Nos últimos anos observamos como os salarios na política municipal medran ao mesmo ritmo que o empobrecemento da xente. Por iso, dende Vilalba Aberta pensamos que as persoas que nos representan non deben vivir nunha realidade paralela, nunha burbulla que as afaste da realidade e que fai, en definitiva, que a veciñanza non se sinta identificada cos seus representantes.” Apuntou o número 3 da nosa candidatura, Luís Barrio.
Unha redución de gasto, que dende Vilalba Aberta ciframos nun aforro anual de arredor de 90.000€ por cada ano de lexislatura.