O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova solicitude de cara ao Pleno Ordinario de Novembro. O obxectivo? Garantir a correcta mobilidade dos veciños/as dependentes e/ou con mobilidade reducida durante o tempo que duren as obras na rúa da Pravia.
Así o confirmou o noso voceiro municipal, Modesto Renda, logo de contrastar as dificultades que estas persoas teñen no seu día a día dende que a empresa adxudicataria instalara as pasarelas provisionais que conectan as beirarúas.
“Dende VA entendemos que toda obra supón molestias; pero a mobilidade dos veciños/as que utilizan cadeira de rodas debe garantirse durante todo o tempo que duren os traballos”, explicou.
Renda, que puxo en valor a predisposición e iniciativa dos veciños afectados que os contactaron, volveu incidir no imprescindible de facer política “escoitando á xente” e explicou que co citado escrito (que se tramitará no Pleno como rogo á Alcaldía) a Vilalba Aberta agarda que o Concello inste á empresa a substituír os actuais pasos provisorios por outros máis anchos e adaptados baixo criterios de accesibilidade.