Os veciños/as de Vilalba xa temos unha resposta, en relación ás deficiencias en materia de seguridade viaria na rotonda que une a autovía de Ferrol-Vilalba (AG-64) e A-8, isto é: a coñecida coma “da Grandisca”. Unha realidade – derivada da total ausencia de iluminación – que dende Vilalba Aberta levamos en repetidas ocasións ao Pleno cando o Ministerio de Fomento respondía a un executivo do PP e que, tal e como anunciamos na mañá de hoxe, volveremos trasladar, logo da inaceptable resolución do actual Goberno do PSOE.
A iniciativa, que chega no contexto da aclaración de cales son os criterios para que se ilumine ou non un tramo de autovía, é unha interpelación directa a un Ministerio, ao que acusamos de xogar coa seguridade dos vilalbeses/as, logo de concluír, este, que o cruzamento se continúe a rexer por un marco de seguridade, que sinala que nas autovías onde se producen máis de 120 días de choiva ao ano (como é este caso) o criterio para iluminar, vaia ligado a que a intensidade media de circulación sexa superior a 60.000 vehículos ao día.
Na mesma liña se pronunciaba hoxe o noso voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, facendo ademais referencia á esixencia ministerial de que a autovía discorra por chan urbano a ambas marxes e á posterior conclusión de que o enlace non teña a consideración de tramo de concentración accidentes.
“A mesma xustificación na que se agochaba o Goberno do PP e o anterior Goberno Socialista”, lembraba indignado, ao respecto da afirmación do executivo en relación a que ningún tramo da A-8, nin sequera a ligazón coa AG-64, este identificado como Tramo de Concentración de Accidentes, o que a exime do uso obrigatorio de iluminación.
“En Marzo de 2010, solicitouse que a rotonda se vira beneficiada dunha iluminación da que, 9 anos despois, aínda carece. Un tempo, no cal, foron varios os contratempos e accidentes derivados da falta de seguridade que isto provoca. Non permitiremos que se tome aos vilalbeses/as por parvos” afirmou.
Neste senso, interpelaremos tanto ao Goberno Municipal coma aos Concelleiros da Agrupación Socialista, co obxectivo de que se sumen á reivindicación de Vilalba Aberta, a fin dunha posición conxunta da corporación que esixa para a rotonda de Grandisca o mesmo tratamento que a ponte dos Santos ou o do entroncamento da A-8 coa A-6 en Baamonde.