O Grupo Municipal de Vilalba Aberta asinou este xoves un novo acordo co goberno en minoría do PSOE, co obxectivo de asegurar a inmediata tramitación do conxunto de subvencións nominativas correspondentes á presente anualidade.
En concreto, destinaranse 308.400€ a apoiar as actividades das entidades sociais, veciñais, empresariais, educativas, culturais e deportivas nas que participan milleiros de veciños/as.
No ámbito asistencial, recibirán subvencións o Hospital Asilo; a Fundación Vilalba Terra Chá; a asociación de ex alcohólicos, e as aulas da Terceira Idade. Dentro do ensino, as beneficiarias serán as Anpas da Escola de Educación Infantil de Vilalba e dos CEIP Manuel Mato Vizoso e Antonio Ínsua Bermúdez.
Dentro do deporte, as entidades beneficiarias son o Club Tenis Vilalbés; Club Loitas Olímpicas; Club Vilalba Fútbol Sala; Racing Club Vilalbés; Club Deportivo Santaballés; Asociación Cultural Deportiva Goiriz; Club Deportivo Albense; Club TDM Vilalba; Agrupación Polideportiva San Ramón de Vilalba; Club Baloncesto Terra Chá; Asociación Deportiva Catro Roldas; Club Pádel Vilalba; Club Atletismo Vilalba; Club Deportivo Codesido; Club Ciclista Terra Chá; Club Atlético Terra Chá, e Club Ciclista Vilalba-As Pontes.
No eido cultural, a Coral Polifónica Vilalbesa; a Coral Luar; Iescha; Centro Cultural; a Asociación de Amigos da Liga Santaballesa; a asociación Praza San Xoán; a Escola de Música de Vilalba; a Asociación de Mulleres de Insua e a Asociación Cultural en Movemento.
Tamén recibirán subvencións a asociación de veciños Escola Habanera de Tardade, a asociación de veciños de Carballido e a asociación Liga Santaballesa para as obras de reforma da escola reitoral de Santaballa.
A Asociación de Empresarios Sete Pontes recibirá unha subvención para a promoción do comercio local, e haberá tamén partidas para Protección Civil; Fegamp; Asociación de Apicultura Serra da Carba; Asociación Veciñal San Cosme de Nete, e as comisións de festas parroquiais.
Neste senso, o acordo destina unha partida para aquelas parroquias que nesta anualidade realizaran algún tipo de celebración dentro da situación sanitaria, deixando previsto un incremento do importe cando se recupere a normalidade.
“Urxía evitar que a ausencia de orzamentos puxera en perigo as subvencións nominativas da anualidade e conseguímolo con traballo e cintura política”, explicou o noso voceiro municipal Modesto Renda logo da sinatura.